Veciños de Lérez reclaman a Fomento medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño
Os veciños de Lérez están cansados dos problemas de seguridade vial que se producen a diario na N-550 ao seu paso por esta parroquia pontevedresa.
Por ese motivo e convocados pola Asociación de Veciños San Bieito, moitos deles manifestáronse na rotonda da Ferreira, ao final da Avenida de Compostela, xusto onde comeza a estrada Nacional, titularidade de Fomento.
O Ministerio, tras recibir unha solicitude reclamando medidas de acougado de tráfico como a instalación de pasos de peóns, lombos ou semáforos, rexeitou realizar actuacións no lugar ao entender que "aquí non hai xente suficiente e non é unha zona urbana", segundo manifesta a presidenta da asociación, María José Abilleira.
María José Abilleira: "Ata a parroquia de Alba non hai nin un só paso de peóns"
A representante veciñal asegura que só piden "que a xente poida cruzar tranquila sen arriscar a vida", algo imposible tendo en conta "que ata a parroquia de Alba non hai nin un só paso de peóns".
Abelleira explicou, para maior gravidade, que "os nenos teñen que coller o autobús para ir ao colexio e vense que teñen que cruzar unha estrada nacional con límites de 50, que non se respectan, e non dan cruzado".
Os veciños aseguran que xa falaron co Concello de Pontevedra aínda que o goberno local, que pediu a transferencia do vial a Fomento, non pode instalar medidas de acougado de tráfico ao non ser a titular da estrada.
Logo de Nadal, as concentracións de protesta seguiranse a realizar "cada domingo ata que se nos faga caso", declarou Abilleira.
Relacionadas:
-
Fomento recibirá os veciños de Lérez que reclaman medidas de seguridade na estrada N-550
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de Lérez estudan novas vías de protesta para esixir medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |
-
Manifestación arredor da rotonda de Médico Ballina ao berro de "lombos xa"
Por Natalia Puga |