Segunda xuntanza galega de scrapbooking en Cambados
Por Redacción
O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, xunto coa experta scraper María Reboredo e outras dúas membros da organización, presentaron a segunda edición da Crop Galega, unha xuntanza de afeccionadas ao scrapbooking, manualidade que consiste en deseñar albums de fotos con cartón e lenzos.
A cita está prevista para o sábado, a partir das 10 da mañá, no salón de congresos José Peña.
As organizadoras deste encontro escolleron Cambados porque consideran que o salón é un marco excepcional -xusto a carón do paseo marítimo- para este tipo de eventos, e agardan contar con preto de cincuenta mulleres. A falta de catro días xa teñen máis de trinta inscritas de diversos puntos de Galicia.
Nesta segunda Crop Galega a primeira celebrouse o pasado ano en Monforte de Lemos- vanse impartir dous talleres: un pola mañá, de 10 a 13.30 horas, impartido por Manoli Navarro, e outro pola tarde, de 15.30 a 18.30 horas, que impartirá Gaby Montserrat. O xantar está previsto para as 14 horas. No primeiro vaise deseñar un album nunha liña clásica e no da tarde outro de carácter máis informal.
O público poderá observar a confección dos traballos en directo, pero unha vez rematados os talleres haberá portas abertas para que calqueira afeccionada poida preguntar e interesarse pola confección da arte manual do scrapbooing.
As organizadoras cualificaron de adictiva esta afección e indicaron que cada día hai máis xente que se dedica a practicar este entretido hobby. Cada participante deberá abonar 80 euros e disporá dun kit con todo o material, a base de cartón, papel e lenzos, para completar o catálogo de recordos coa temática que cadaquen desexe plasmar.