300 persoas, 600 quilos e 2 horas de Zumba
Por Diego Torrado
Coma un éxito absoluto cualificaba Gustavo Loureiro, o responsable do Servizo de Deportes da Universidade no campus de Pontevedra, o Maratón de Zumba Solidario levado á cabo na noite deste xoves no Pavillón Universitario. Non en van, na súa décimo segunda edición, esta iniciativa bateu todos os seus récords ao lograr reunir máis de 600 quilos de alimentos, que xa foron entregados ao comedor social dos Pais Franciscanos en Pontevedra.
Ao longo das dúas horas que durou esta iniciativa benéfica, foron preto de 300 as persoas que acudiron ata estas instalacións para gozar dunha noite de exercicio e diversión, ao ritmo dunhas coreografías que combinan os movementos aeróbicos cos pasos de baile.
O único que se pedía a cambio de participar nesta iniciativa aberta a toda a cidadanía, promovida pola Vicerreitoría do campus e o Servizo de Deportes, era achegar ata o pavillón, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros e os asistentes a este maratón cumpriron con creces, xa que fixeron posible reunir 600 quilos de alimentos, unha cifra que supera por moito aos 340 quilos recolidos hai un ano e que supuñan por aquel entón a maior cantidade reunida nas once primeiras edicións deste evento.
Persoas de todas as idades fixeron posible o éxito do Maratón de Zumba Solidario, que non tería sido posible sen os catro monitores de zumba que se encargaron de facer moverse a centos de persoas. Virginia Rodríguez, Gabriela Hermida, Deborah Magdalena e Bruno Hermida, así como tamén a colaboración do grupo de percusionistas Olodum do Coio, responsable de encher de ritmo esta noite de exercicio e diversión.