Marea Pontevedra presenta as súas propostas en urbanismo, medio ambiente e transporte
Por Diego Espiño
Esixir a execución da sentenza contra os recheos ilegais do porto, manter o final da concesión de ENCE en 2018, pechar a liña ferroviaria que atravesa a praza dos Praceres ou acordar cos veciños os trazados das grandes arterias e viais que atravesen a periferia da cidade.
Son algunhas das propostas que Marea Pontevedra incluíu no seu programa electoral, co que espera lograr representación na próxima corporación municipal tras as eleccións de maio de 2015.
O movemento cidadán presentou o primeiro dos cinco textos que compoñerán este programa, centrado nesta ocasión en materias como urbanismo, medio ambiente e transporte.
Marea aposta no documento elaborado con propostas cidadás por definir un posicionamento contrario á construción da A-57, mellorar o transporte colectivo, desenvolver un plan de ferrocarril de proximidade, rexeita a ampliación da depuradora de Lourizán e apoia a creación dunha planta de compostaxe comarcal ou local "nun polígono industrial".
Trátase, segundo Guillermo Casalderrey, de "que os protagonistas sexan os cidadáns, que teñan un espazo para actuar políticamente".
Por ese motivo o movemento cidadán compareceu acompañado de representantes de Salvemos A Fracha e Os Praceres.
O primeiro destes colectivos, contrario á construción "da mal chamada circunvalación A-57" criticou a través da súa voceira Bibiana Piñeiro a duplicidade de infraestruturas que supoñería esta autovía e defendeu "a alternativa da AP9 e unha rolda urbana en condicións".