Marea Pontevedra propón medidas de transparencia para "garantir a calidade democrática" no Concello
Por Oskar Viéitez
"Sen participación non se pode garantir unha calidade democrática", con este axioma os integrantes de Marea Pontevedra presentaron este venres a súa base programática 'Participación, transparencia e nova democracia'.
Guillermo Casalderrey e Luis Rei compareceron en rolda de prensa para aclarar que Marea Pontevedra, entendida como unha "cooperativa cidadá", non pretende facer unha "limpeza estética" senón que busca "cambiar a forma de facer as cousas e para iso é necesario cambiar o sistema" e por iso aseguran que é necesaria unha "revolución democrática".
Os integrantes da Marea entenden que esta demanda "é algo imparable" ao considerar que así o esixe a "maioría social", aínda que recoñece que agora "o que nos queda é organizar esa maioría para crear ese cambio real na sociedade", dixo Guillermo Casalderrey.
"Vimos para gañar e cambiar a forma de facer as cousas", aseguran desde Marea
Para os membros da Marea pontevedresa a participación, "dende o radicalismo democrático", implica intervir directamente e "sentirse parte das decisións". Polo que é necesario abrir canles á concertación, o diálogo, a negociación, o entendemento e o pacto, así como controlar cooperativamente e fiscalizar a xestión e a realización dos servizos e determinar, "co poder real da co-xestión" as prioridades.
Esta participación que demandan na Marea require impoñer controis aos representantes políticos "para evitar que se convertan en elites unicamente preocupadas por perpetuarse". Tamén instituír referendos por iniciativa popular, delimitando os ámbitos de aplicación e os casos que terán carácter consultivo ou vinculante.
Ademais propugnan prácticas de goberno aberto, "sen restricións", con libre acceso a todos os datos económicos, demográficos, sociais e ambientais. A súa proposta inclúe a creación de Consellos Sociais e estruturas de participación política estables en todos os niveis.
Guillermo Casalderrey e Luis Rei recoñecen que a proposta é "moi ambiciosa" pero mostran a confianza de sentirse "un proxecto necesario" e aseguran ter "moi claro" que "nós non vimos aquí para ser unha marca máis e competir coas demais, vimos para gañar e cambiar a forma de facer as cousas".
Relacionadas:
-
Un paseo poético-pictórico pola cidade de Manuel Moldes axudará a financiar Marea Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Primarias abertas en Marea Pontevedra para elixir os 25 membros da súa candidatura ás eleccións
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Marín aspira a obter unha maioría suficiente para gobernar a vila
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra critica que BNG, PSOE e PP "van da man na maior parte dos temas"
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra presenta as súas propostas en urbanismo, medio ambiente e transporte
Por Diego Espiño |