Os bombeiros interveñen nun incendio en García Camba e excarceran o condutor dun camión na N-541
Por Diego Torrado
Os Bombeiros do Parque de Pontevedra e a Policía Local tiveron que intervir durante a madrugada deste luns 5 de xaneiro na rúa García Camba de Pontevedra ante a alarma provocada por un incendio que se rexistraba nun cadro eléctrico dunha vivenda desta rúa na que reside unha parella e un bebé.
Segundo información facilitada polos Bombeiros, cando chegaron ao domicilio detectaron moito fume pero as lapas xa foran sufocadas. Desta forma, procedeuse á ventilación da vivenda e non foi necesario o desaloxo da familia que a ocupaba.
ENVORCA UN CAMIÿN NA N-541
Durante a mañá deste luns, os Bombeiros tamén interviñeron no excarceramento dun condutor atrapado na cabina do camión que conducía tras sufrir un accidente sobre as 9:30 horas que se producía no Nacional 541, quilómetro 70, estrada de Ourense, á altura de Dorna (Cotobade), a 20 quilómetros de Pontevedra. A Garda Civil de Tráfico estuda as causas que provocaron o accidente.
Segundo información facilitada polo Servizo de Emerxencias do 112, o camión envorcou cando circulaba pola zona saíndo da vía nunha recta con límite de velocidade establecido en 80 km/h.. O vehículo da empresa de xestión de residuos Norte-Sur transportaba lixo cara Forcarei, que tivo que ser recollido por un guindastre durante a mañá. Foi necesaria a intervención dos servizos de limpeza de estradas da Xunta de Galicia. Recoméndase precaución para os condutores que teñan que trasladarse por ese tramo.