76 gardamariñas da Escola Naval embarcarán este sábado no Juan Sebastián de Elcano
Por Redacción
Un total de 76 gardamariñas que cursan os seus estudos na Escola Naval Militar de Marín estarán a bordo do Juan Sebastián de Elcano cando o buque escola da Armada se fará ao mar este sábado. Zarpará a mediodía o porto de Cádiz para dar comezo ao seu LXXXVI cruceiro de instrución.
Xunto a eles, segundo detalla a Armada Española nun comunicado, estarán tamén 14 aspirantes a Cabo Primeiro da Escola de Especialidades de La Graña en Ferrol.
O obxecto deste cruceiro de instrución é contribuír á formación mariñeira, militar, social e humana dos alumnos embarcados mediante a instrución no mar e en porto, así como efectuar presenza naval en apoio á acción exterior do Estado.
Está previsto que o buque recale en Ceuta, Las Palmas de Gran Canaria, Río de Janeiro, Montevideo, Punta Arenas, Valparaíso, El Callao, Veracruz, Pensacola e Boston para arribar a Marín en xullo nos días previos á festividade da Nosa Señora do Carme, patroa da Armada.