Un detido por unha pelexa en Fernández Ladreda na que un home acabou cunha brecha na cabeza
Por Natalia Puga & Diego Torrado
A Policía Nacional detivo na noite deste mércores un individuo pola súa presunta implicación nunha pelexa rexistrada arredor das 21.00 horas na avenida Fernández Ladreda. Polo menos unha das persoas implicadas resultou ferida e necesitou asistencia sanitaria.
Fontes policiais confirmaron que a pelexa se produciu no interior dunha vivenda de Fernández Ladreda. Testemuñas presenciais engadiron que os implicados na pelexa remataron en plena rúa, onde varios axentes policiais tiveron que intervir para evitar o enfrontamento.
Na pelexa víronse implicadas varias persoas, pero houbo dous cunha maior implicación, ambos os dous varóns. Un deles rematou detido e o outro ferido cunha brecha na cabeza pola que tivo que ser atendido por unha ambulancia do 061 no propio lugar do suceso.
A raíz do incidente trasladáronse ao lugar polo menos sete coches patrulla das policías Local e Nacional de Pontevedra e unha ambulancia. Algúns dos axentes tiveron que intervir para separar varias persoas e que non volvesen pelexarse e o resto entrevistáronse coas testemuñas e implicados para solicitar datos do sucedido. Nestes momentos hai aberta unha investigación para aclarar os feitos e non transcenderon maiores detalles do incidente.