Asinan en Pontevedra unha alianza estratéxica entre Portos de Galicia e La Rochelle francesa
Por Redacción
O porto francés de La Rochelle é unha referencia no ámbito da náutica recreativa en todo o arco atlántico. E agora xunto con Portos de Galicia traballarán en futuras accións conxuntas para o impulso da navegación de recreo e o intercambio de pasaxeiros. Así se recolle no protocolo que asinaron en Pontevedra o presidente do ente público galego, José Juan Durán, e o seu homólogo no Port des Minimes-La Rochelle, Christian Marbach.
Deste xeito increméntanse as iniciativas desenvolvidas pola administración portuaria galega de cara a situar a Galicia na primeira liña do negocio náutico europeo e optimizar o aproveitamento económico desta actividade.
Este protocolo supón unha liña de colaboración cunha entidade como o Port de Les Minimes con máis de 40 anos de experiencia no sector da náutica de recreo e unha oferta total de en torno a 5.000 prazas de amarre, o que supón practicamente un terzo do conxunto de prazas existentes en toda Galicia. Así mesmo, a empresa pública francesa, de titularidade municipal, factura anualmente en torno a 12 millóns de euros pola actividade náutica recreativa.
Dentro do ámbito de colaboración entre Portos de Galicia e o Port des Minimes, o ente público impulsará liñas de traballo en relación coa formación de persoal e mellora da calidade dos servizos, así como o impulso de regatas de carácter internacional.
Así mesmo, afondará no campo da navegación a vela, que no porto francés supón máis do 70% dos amarres, mentres que en Galicia sitúase en torno ao 30%.
Relacionadas:
-
A cidade francesa de La Rochelle tamén se interesa polo modelo pontevedrés
Por Redacción |
-
Os portos deportivos pontevedreses incrementan un 10,3% a súa actividade
Por Redacción |
-
Intensificarán os controis para evitar a pernocta de autocaravanas nos espazos portuarios
Por Redacción |
-
Os portos das Rías Baixas recibiron 3.000 barcos de tránsito este verán
Por Redacción |
-
Sanxenxo promove en Francia o porto deportivo como "parada obrigada"
Por Redacción |