Case 4.000 alumnos cursan este ano os seus estudos no campus universitario de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra ten un dos maiores índices de ocupación de todo o sistema universitario galego. Segundo os datos desvelados pola Universidade de Vigo, 3.996 alumnos matriculáronse para cursar os seus estudos este ano na cidade do Lérez. A eles hai que sumar os estudantes do programa para maiores e os alumnos de intercambio, que non están vinculados a ningún campus.
En concreto, son 743 alumnos de novo ingreso. Esta cifra permite ao campus pontevedrés alcanzar unha ocupación do 97% en primeiro curso. Tan só quedan vacantes 17 prazas nos diferentes graos universitarios que se ofertan na cidade.
A Universidade de Vigo conta, por outra parte, cun total de 3.468 estudantes de grao en Pontevedra. Por titulacións, as máis numerosas volven ser Belas Artes (514 alumnos matriculados) e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (504 alumnos).
Tamén crece o número de persoas que estudan un máster no campus da Xunqueira. Segundo os datos da propia institución educativa, actualmente son 237 alumnos os que están matriculados nalgunha das ofertas que están dispoñibles na cidade.
O reitor da universidade, Salustiano Mato, destaca que estes datos demostran que a matrícula en Pontevedra está consolidada dun "xeito estable" e, o que é máis importante, ao igual que os dous outros campus -Vigo e Ourense- "achégase a un punto de equilibrio entre a oferta e a demanda", cunha taxa de ocupación próxima ao 100% "e que segue crecendo ano tras ano".
Ademais, Mato destacou as medidas económicas que se puxeron en marcha para facilitar a matrícula nalgún dos seus graos, como a conxelación das taxas, os diferentes tipos de bolsas que existen ou a posibilidade de fraccionar o pagamento ata en seis prazos. Tamén presume a Universidade de Vigo de apostar a mellora continua da súa oferta académica, "adecuándoa ás necesidades e á demanda social".
Relacionadas:
-
Arte, teatro, música ou fotografía centrarán os novos cursos do campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
42 novos estudantes estranxeiros aterran no Campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo avanzará en 2015 na especialización do Campus Crea pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |