Un policía fora de servizo e un vixiante de seguridade frustran a fuxida do ladrón dun 'super'
Por Redacción
Un axente da Policía Nacional fora de servizo e un vixilante de seguridade lograron frustrar a fuxida dun suposto ladrón que acababa de roubar un supermercado e agredir a caixeira que intentou retelo. A muller saíu detrás del e perseguiuno ata que se topou en plena rúa co axente e o garda de seguridade, que lle deron o alto e evitaron que se escapase mentres chegaba ao lugar unha patrulla policial.
O incidente produciuse o luns 1 de outubro arredor das 11.30 horas nun establecemento de alimentación da rúa Alcalde Hevia. Segundo informou a Policía Nacional, o detido é un home de 35 anos de idade, veciño de Vigo, con antecedentes policiais. Foi arrestado por un delito de roubo con intimidación e, unha vez tramitado o correspondente atestado policial, posto a disposición do Xulgado de Garda.
Segundo relatou a caixeira, o home accedeu ao supermercado e, tras solicitar algúns produtos e coller seis botes dun produto de limpeza, saíu pola liña de caixas sen aboar o importe. Cando a caixeira o requiriu para que aboase o importe, o individuo supostamente empurrouna e ameazouna con darlle un puñazo, que logrou esquivar, ao tempo que lle dicía: "Como non me deixes marchar, douche".
De todos os xeitos, a caixeira tratou de retelo e saiu detrás del perseguíndoo pola rúa San Pedro de Alcántara. Alí é onde se cruzou co policía fóra de servizo e o vixilante de seguridade dunha entidade próxima que lograron reter o citado individuo ata a chegada dunha patrulla policial.
Cando os axentes procederon a identificalo, caéronlle varios dos botes que acababa de roubar, ademais doutros produtos perecedoiros dos que se fixeron cargo as caixeiras do supermercado roubado. Os policías procederon á súa detención e traslado á Comisaría da Policía Nacional en Pontevedra.