A Misión Biolóxica descobre os segredos do Mencía
Por Redacción
Os resultados dunha tese doutoral realizada na sede do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Salcedo por Iria Rodríguez Vega permiten coñecer por primeira vez a composición bioquímica da principal variedade de vide tinta de Galicia, Mencía, así como a influencia que exercen nesta as características ambientais e a orografía das cinco subzonas de cultivo a Denominación de Orixe (D.O.) Ribeira Sacra.
A investigación, que comezou en 2009, levouse a cabo a través de traballo de campo en quince viñedos das cinco subzonas da D.O. Ribeira Sacra (Amandi, Chantada, Ribeiras do Miño, Quiroga-Bibei e Ribeiras do Sil) e de traballo de laboratorio na Misión Biológica de Galicia.
Os resultados indican que o ciclo vexetativo da variedade Mencía na Ribeira Sacra rolda os 181 días, as uvas cultivadas en Ribeiras do Sil teñen maior concentración de compostos fenólicos e aromáticos sendo as de Quiroga-Bibei máis ricas en antocianos e as de Amandi en estilbenos. Estes indicadores revelan, polo tanto, que o terroir da Ribeira Sacra, é dicir, o chan e o clima, exerce unha notable influencia na composición bioquímica da variedade Mencía.
A partir dos resultados da investigación suxírense aos viticultores da Ribeira Sacra unha serie de pautas a seguir nos seus cultivos para obter viños de maior calidade, cunhas características específicas e facer fronte ás consecuencias do cambio climático. Avógase por cultivar en zonas medias e por instalar rexistradores de temperatura e humidade nas parcelas aproveitando ao mesmo tempo os diferentes microclimas da zona para obter viños en función das características desexadas.
Este sábado 31 de xaneiro, a autora da tese, Iria Rodríguez Vega, impartirá unha conferencia sobre os resultados das súas teses ás 18.00 horas no Centro do Viño da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos).
Relacionadas:
-
O CSIC nomea a Elena Cartea González directora da Misión Biolóxica de Galicia
Por Redacción |
-
O Liceo Casino, sede dun simposio internacional sobre proteínas vexetais
Por Redacción |
-
Talento pontevedrés para facer fronte á praga dos taladros
Por Oskar Viéitez |
-
Científicos pontevedreses descifran os segredos do herbario máis antigo do mundo
Por Redacción |
-
Un congreso a celebrar en Pontevedra amosará como os grelos e as nabizas axudan a previr o cancro
Por Alejandro Espiño |