Manifestación arredor da rotonda de Médico Ballina ao berro de "lombos xa"
Por Natalia Puga
Ao longo do quilómetro e medio de estrada N-550 que separa Alba da rotonda de Médico Ballina en Lérez non hai ningún paso de peóns e si moita poboación que reside a ambos os dous lados da vía e ten a necesidade de comunicarse cos que residen na outra beirarrúa. A situación lévaa denunciando dende hai varios meses a Asociación de Veciños San Bieito sen que os titulares da estrada, o Ministerio de Fomento, os escoite ou achegue unha solución. Este domingo, a pesar do frío e a chuvia, máis de medio centenar de veciños volveron alzar a voz.
Ao berro de "lombos xa", os veciños manifestáronse durante máis de 20 minutos arredor da rotonda situada na confluencia coa rúa Médico Ballina, o punto que consideran "máis conflitivo" en canto á falta de seguridade para os peóns.
Os manifestantes reclaman que se adopten medidas de calmado de tráfico na zona, tanto pasos de peóns coma semáforos ou 'lombos' "para que os veciños teñan posibilidade de cruzar a estrada sen poñer en risco a súa vida". Intentaron trasladalo a súa petición ao Ministerio de Fomento, titular da vía, pero hai dous meses que solicitaron unha reunión con responsables locais desa carteira e aínda non obtiveron ningunha resposta.
O vicepresidente da asociación veciñal, Miguel Vilacoba, encabezou a marcha, que non estivo exenta de polémica. Os veciños comunicaran á Subdelegación do Goberno a concentración, pero o operativo de seguridade deseñado pola Administración tan só incluíu unha patrulla da Policía Nacional. Cando os manifestantes empezaron a percorrer a rotonda, fíxose necesario parar o tráfico, pero non había axentes policiais abondo nin preparados para garantir a seguridade.
Finalmente chegaron de reforzo dúas patrullas policiais máis, pero ningún axente especializado en seguridade vial, isto é, da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico. A manifestación transcorreu sen complicacións a pesar da perigosidade de que varios vehículos cruzaron pola rotonda ao mesmo tempo que os veciños. Iso si, ao termo da protesta, un axente da Policía Nacional pediu a documentación ao promotor da acción, Miguel Vilacoba. O representante veciñal confía en que esta identificación non leve consigo ningunha sanción, pois el comunicara en tempo e forma que se manifestarían.
Os veciños de Lérez e Alba xa protagonizaron unha concentración na mesma zona no mes de decembro, pero nesta ocasión decidiron percorrer a rotonda para trasladar as "dificultades para pasar dun lado ao outro" da estrada que teñen os veciños. Xa anunciaron que o próximo domingo 8 de febreiro repetirán protesta e seguirán con accións reivindicativas ata que consigan máis seguridade vial na zona.
Relacionadas:
-
O atropelo dunha muller na Cendona abre de novo o debate da seguridade viaria no tramo urbano da N-550
Por Diego Espiño |
-
Fomento autoriza a instalación dos semáforos que reclaman os veciños de Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento recibirá os veciños de Lérez que reclaman medidas de seguridade na estrada N-550
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Lérez volven tomar á estrada da Coruña para reclamar medidas que calmen o tráfico
Por Redacción |
-
Os veciños de Lérez estudan novas vías de protesta para esixir medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |
-
Instalan lombos na rúa Concepción Arenal
Por Redacción |
-
Veciños de Lérez reclaman a Fomento medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |