A 'prisión' de Manuel Bastón: "Levan 14 anos negándolle un tratamento"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
No ano 1994 Manuel Bastón sobreviviu a un accidente laboral no que, tras caer dunha estada, quedou parapléxico. Vinte anos despois, malvive nunha situación de dependencia porque asegura que non recibe a atención sanitaria axeitada. "Levan 14 anos negándolle un tratamento", mantén a súa esposa, Lucía Loira, en alusión a unha escara que lle saíu na zona da pelve asociada á súa falta de circulación e movemento -móvese en cadeira de rodas- e da que aínda non foi operado.
PontevedraViva púxose en contacto co Servizo Galego de Saúde para contrastar estas críticas, pero as fontes sanitarias consultadas rexeitaron facilitar calquera tipo de dato persoal dun paciente en atención á Lei de Protección de Datos.
A "mala vida" á que se refire Manuel Bastón transcorre nunha casa da parroquia pontevedresa de Mourente que a súa muller herdou do seu anterior marido. El defínea como "un cárcere" na que estou "encerrado" porque a falta de accesos adaptados a unha cadeira de rodas e a súa situación nun núcleo rural sen comunicación a través de transporte público lle dificultan saír á rúa e moverse de forma autónoma. A súa vida está supeditada inevitablemente á de Lucía Loira, unha muller de 66 anos con quen casara en segundas nupcias pouco antes do accidente e que o coida dende entón.
"Teño que dedicarlle as 24 horas a el. Non teño vida", lamenta a esposa. Cóidao a diario, aséao, axúdalle a erguerse da cama e cúralle as feridas. Non se queixa de ter que facelo, pero si de que non recibe ningún tipo de axuda, pois para mellorar a calidade de vida de Manuel Bastón el cre que necesita recursos materiais como unha cama adaptada ou unha grúa para poder erguerse ou deitarse. Non obstante, a Administración sanitaria "non nos axuda en nada" a pesar de que a situación que levou a este pontevedrés a estar parapetado nunha cadeira de rodas foi un accidente laboral e un tratamento posterior no que Manuel e Lucía ven "unha clara neglixencia".
A demanda de maiores recursos queda, de todos os xeitos, nun segundo plano na vida deste pontevedrés de 73 anos. A súa principal reivindicación é a asistencia médica. Tras o accidente, nos anos 1996 e 2000, foi derivado polo Sergas ao Hospital Nacional de Parapléjicos de Toledo para ser tratado de dúas escaras anteriores, pero a que lle saíu posteriormente aínda non recibiu a atención que el reclama. Si o operaron nun hospital vigués, pero asegura que "quedei peor" e a ferida lle complica aínda máis a vida, pois "non son capaz de cambiarme da cadeira, dóeme e empeora a ferida".
Tivo un accidente laboral hai 20 anos, quedou en cadeira de rodas e necesita asistencia para unha escara asociada á paraplexia
Os distintos especialistas galegos que consultaron "dinnos que non é posible operar", pero en Toledo si lle aseguraron que poderían intervilo e a súa muller mantén que "en menos de tres meses estaba curado en Toledo, pero aquí leva case 15 anos sen tratamento". Este mes de xaneiro desprazáronse con fondos propios a unha clínica de Barcelona que tamén lle garante a posibilidade de entrar en quirófano e coidar unha escara que lle afecta a toda a rexión da pelve e as nádegas. A complicación actual radica en que necesita que o Sergas autorice o tratamento e o derive a outra comunidade. Levan 14 anos esperando sen éxito.
Para conseguir elevar a súa voz e reclamar ese tratamento, o matrimonio uniuse hai uns anos á delegación de Pontevedra da Asociación Nacional de Afectados por Erros e Abusos Xudiciais e durante máis dunha década tivo contratados os servizos dunha avogada, pero todo intento caeu en saco roto. Eles non están dispostos a dar por vencido, de modo que agora decidiron dar un impulso ás súas demandas a través dunha petición na plataforma Change.org dirixida aos responsables do Sergas para a que piden firmas a todos os cidadáns que consideren que o seu caso é, como mantén Lucía Loira, unha "vulneración" dos seus "dereitos" sanitarios e "como cidadáns".
"Vós pensades que unha persoa que ten a saúde que ten el pode vivir así?"
Lucía Loira aclara que só reclaman "o que por lei nos corresponde" e fai un chamamento á humanidade das distinas administracións -non só o sanitario- para mellorar a súa calidade de vida, pois este matrimonio reside nunha vivenda que "en calquera momento se vén abaixo". A casa ten goteiras na cociña e humidade en todos os cuartos, tiveron que quitar as portas para permitir que Manuel se mova na cadeira de rodas e apenas conta con mobles, de aí que solicitasen ser beneficiarios dunha vivenda social.
Esta petición leva anos sendo rexeitada, así como a solicitude de beneficiarse da Lei de Dependencia, garantía social, que lle rexeitan, segundo explica Lucía, "porque din que gañamos moito". Tras o accidente, a muller tivo que deixar de traballar para coidar do seu marido e ambos os dous viven da pensión del, de 1.500 euros, unha cantidade que consideran insuficiente para poder vivir nunha casa no centro de Pontevedra que lle garanta a Manuel mellor calidade de vida e condicións de accesibilidade e que non lles resulta suficiente como para facer as reparacións integrais que necesita a súa vivenda actual. "Vós pensades que unha persoa que ten a saúde que ten el pode vivir así?", pregúntase Lucía. Deixa aberta a resposta, pero engade unha reflexión para conseguir concienciar coa súa situación as autoridades competentes: "Isto hai que vivilo, ata que non te pasa, non o sabes".