Semana fantástica das ceas de empresa de Nadal
Por Oskar Viéitez
Estamos na semana fantástica das ceas de empresa de Nadal.
Xefes e empregados xuntos compartindo mesa e mantel.
Tamén aquí a crise déixase notar. Principalmente en que hai menos empresas e moitos menos empregados, e as que quedan optan por facer un menor desembolso.
Agora a maioría das ceas páganas a escote os empregados. Os poucos xefes que aínda se estiran asegura que os seus orzamentos para este tipo de celebracións serán iguais que os que tiñan o ano pasado, aínda que cada vez son máis as empresas que cambian a cea por un aperitivo no traballo ou ben suprimen directamente estes encontros co fin de reducir gastos.
Os establecementos hostaleiros da provincia decatáronse diso: teñen que adecuar a súa oferta ás necesidades e posibilidades dos seus potenciais clientes no medio dunha conxuntura que non ten precedentes nas últimas décadas.
En Pontevedra, cidade con moitos funcionarios, a eliminación da paga extra notouse, apúntannos algúns hostaleiros.
E como se capea este temporal? pois adecuando prezos e menús.
Desde a Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra (Feprohos) sitúan como principal damnificado ao marisco que está sendo substituído por produtos máis baratos.
Feprohos atrévese ata a dar unha cifra e sitúa a redución na cantidade de reservas en preto dun 30% con respecto a 2010.
O prezo medio das ceas de empresa ronda os 15 ou 20 euros
Nunha rápida enquisa telefónica constátase que a golpe de luns 17 de decembro apenas hai dificultades para reservar mesa en calquera restaurante. En case todos os locais queda sitio, unha situación impensable hai poucos anos.
A consulta tamén reflicte que o prezo medio das ceas de empresa rolda os 15 ó 20 euros.
O pasado venres e sábado xa foron frouxos, e as ceas que houbo prescindiron de saír de copas ao marchar do restaurante, unha circunstancia na que seguramente tamén tivo moito que ver o forte temporal.