Unha barra de bar con "gogós" na Alameda de Marín enfrenta a BNG e goberno local
Por Redacción
A presenza dunha barra de bar que contaba cun espectáculo de "gogós" na Alameda de Marín, durante a celebración das Festas de San Miguel o pasado sábado, provocou un duro enfrontamento entre o goberno local e o BNG. Malia que o Concello anunciou que sancionaría aos seus responsables, a voceira nacionalista, Pilar Blanco, afirma que, a día de hoxe, non existe ningún expediente aberto contra os organizadores.
"Tampouco existe ningún tipo de autorización por escrito para a instalación das diversas barras de bar que se instalaron en Marín, en terreos públicos, durante ou fin de semana", explicou Pilar Blanco. "Dirixímonos á Secretaría do Concello, a Alcaldía e ao xefe da Policía Local, e todos evitaron dar información sobre a posible acta policial".
Blanco explicou que o BNG preguntou nas comisións informativas de Medio Ambiente e Tráfico por este espectáculo de corte erótico e, segundo os nacionalistas, desde o Concello respondéronlles que "os organizadores tiñan autorización verbal directa da alcaldesa e do concelleiro delegado de Deporte, pero non existe expediente aberto con autorización escrita, a única válida no caso de ter que esixir responsabilidades".
Segundo a voceira nacionalista, o sucedido o sábado con esta barra na Alameda "é consecuencia da permisividade e deixar facer coas que actúa o grupo de goberno e era de esperar que algo como o sucedido ou fin de semana pasado acontecera tarde ou cedo", e denunciou que non dar autorizacións por escrito para un evento público é unha "práctica habitual" en Marín.
"A alcaldesa actúa como se o Concello e os espazos públicos fosen da súa propiedade, e non como a responsable máxima do que poida suceder neles e de velar para que se cumpran as normas que aprobamos entre todos e que todos debemos respectar", concluíu a voceira do BNG, quen recordou que a policía actuou "polas denuncias de particulares que se alarmaron polo espectáculo que se estaba dando en plena Alameda e con público infantil, o cal indica o nivel de esixencia tanto da alcaldesa como dous seus concelleiros".