Seixo contará con mercado ambulante os sábados á tarde
Por Redacción
O Concello de Marín acollía este luns 9 a Mesa Local de Comercio na que entre diversos puntos se informou sobre as actividades que vai realizar Estrela de Marín, tanto no verán a través de Saldomarín que manterá o seu espazo na Alameda durante a primeira fin de semana de agosto, así como as actividades que a través da Xunta de Galicia promoven por mediación da Dirección Xeral de Comercio.
Deuse entrada á representante de Acemas de Seixo e na reunión informouse igualmente da modificación que será debatida no próximo pleno da corporación municipal sobre o regulamento de venda ambulante. O obxectivo que se busca céntrase na creación dun mercado en Seixo durante os sábados pola tarde coa intención de dinamizar o comercio, a hostalaría e, na época de verán, poder servir de atractivo en toda a parroquia e no ámbito.
Ademais acordouse que é necesario informar á Mesa Local de Comercio das distintas actividades comerciais e das campañas promocionais que se desenvolvan a través das asociacións dedicadas á promoción do comercio e, desta forma, segundo informan dende o goberno local, xerar espazos de convivencia e coordinación entre os eventos que se promoven.