Concello e Deputación mellorarán os accesos a Príncipe Felipe, Montecelo e a UNED
Por Alejandro Espiño
Dúas novas infraestruturas viarias completaranse en virtude dun novo convenio que asinarán o Concello de Pontevedra e a Deputación en 2013. Trátase dun acordo bilateral anunciado por Rafael Louzán nun almorzo informativo e detallado polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. Supón a compensación a Pontevedra por quedar excluída do Plan de Investimentos da institución provincial.
César Mosquera explicou que trátase dun convenio que se empezou a negociar hai un ano. Inicialmente era "moito máis ambicioso" e incluía, entre outras actuacións, o traspaso do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) á Deputación. "Pero cambiaron de criterio e quedou paralizado ata que hai unhas semanas retomáronse os contactos".
Aínda que o edil nacionalista aclarou que os termos do convenio "poden cambiar" ao estar negociándose nestes momentos, nun principio incluirase a mellora dos accesos a Príncipe Felipe e o Hospital de Montecelo desde a futura rotonda da antiga Juviol en Marcón, e a continuidade do viario que habilitou Fomento detrás de Tafisa, ata as inmediacións da UNED.
"Agardamos que non haxa problema para incluír as dúas obras", explicou o concelleiro nacionalista que se mostrou convencido de que a Deputación cumprirá o seu compromiso porque "cando dúas administración mostran vontade para chegar a acordos, sae adiante". Neste sentido, Mosquera destacou que os convenios bilaterais coa institución que preside Rafael Louzán "sempre deron un bo resultado".