As chaves do Museo, xa nas mans da Deputación
Por Redacción
Onde están as chaves do Museo? Pois xa nas mans da Deputación provincial. A empresa adxudicataria das obras do Sexto Edificio e da rehabilitación do Sarmiento, Dragados y Construcciones, entregou este mércores a documentación final destes traballos e as chaves de todas as estancias do inmoble.
No acto, no que participaron a deputada Ana Isabel Vázquez, o director do Museo, Carlos Valle, e un representante da empresa, recibíronse 163 copias de chaves das distintas dependencias do edificio.
Co acto, péchase a obra do Museo de Pontevedra que acadou un coste superior aos 20 millóns de euros, sen contar o equipamento e a musealización.
Na adxudicación do novo edificio e da rehabilitación do Sarmiento gastáronse 12,8 millóns de euros, no modificado para conservar e integrar a muralla medieval de Pontevedra outros 2,5 millóns, tres millóns na intervención arqueolóxica e 2,5 millóns na revisión de prezos e liquidacións.
A financiación dos traballos no Museo de Pontevedra partiron dunha aportación inicial da Deputación, o Ministerio de Cultura e a Consellería de Cultura de 15,2 millóns. O complementario foi financiado íntegramente pola institución provincial con 3,2 millóns e outras subvencións e aportacións propias foron destinadas a equipamento e musealización.