A Anpa do Álvarez Limeses sostén que Agustín Fernández xa estaba informado das súas reivindicacións
Por Redacción
A xunta directiva da Anpa Joaquin Costa do CEIP Álvarez Limeses, emitiu un comunicado de prensa no que replica as declaracións do concelleiro de Educación, Agustín Fernández, sinalando que o edil foi informado "a comezos do curso 2011-2012, en setembro ou outubro" das reivindicacións da Anpa sobre a "limpeza insuficiente do centro escolar e inexistente do comedor escolar", así como o proxecto de esta Anpa de solicitar a casa abandonada de titularidade municipal situada no número 11 da rúa Joaquín Costa.
Ademáis dende a Anpa sinalan que para eles "o de menos é a contía da subvención recibida polas actividades que desenvolvemos durante o curso" pero cren que "unhas bases reguladoras conforme a normativa vixente, cumprindo a Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño de 2007), levaría a un proceso máis claro e transparente". O que suporía, ao seu xuízo, que moitas outras Anpas poderían optar a un montante superior na axuda "pois presentarían a documentación exacta acorde coas bases e sen ter que agardar por criterios subxectivos de adxudicación e de ponderación descoñecidos".
Respecto ás manifestacións de Agustín Fernández nas que lembraba que esta asociación de pais non se queixou das bases de subvencións de anos anteriores, a Anpa do Álvarez Limeses remite ao edil socialista a outro recurso anterior presentado no curso 2012-2013 no que "xa faciamos referencia a diversas irregularidades nas bases. Recurso que non foi contestado".
No tocante as declaracións do concelleiro nas que manifesta que "había un error en la documentación que presentaron", dende a Anpa Álvarez Limeses din que en ningún momento a súa solicitude contiña "un error nas cantidades ao non cadrar as facturas", e precisan que as facturas "están correctas e co seu xustificante de transferencia bancaria, o único que existiu foi un erro tipográfico no anexo da solicitude".
No comunicado a Anpa declárase sorprendida polo feito de que o concelleiro diga que non estiveron en contacto con el, "pois estes anos foron numerosas as veces que reclamamos tanto dende a Anpa como dende a dirección do colexio a solución dos problemas. De aí que tomaramos a decisión de presentar as peticións por escrito".
Finalmente, seu comunicado a asociación de país engade "temos que recoñecer que o señor concelleiro ten unha magnifica idea propoñendo que sexan as persoas e neste caso particular Anpas que utilizan os espazos públicos, quen deban facer a limpeza dos mesmos. Propoñemos que se faga extensiva a todos os recintos municipais, colexios, edificios, parques e rúas, e así conseguirá un grande aforro para o Concello, pois cada quen so terá que limpar o espazo que utilice e o Concello quedará liberado de contratar servizo de limpeza".
Relacionadas:
-
Os pais do Álvarez Limeses retiran a demanda contra o Concello pola convocatoria de subvencións
Por Redacción |
-
Agustín Fernández cualifica de "frivolidade" a denuncia da ANPA do Álvarez Limeses
Por Alejandro Espiño |
-
Pais de alumnos do Álvarez Limeses denuncian ao Concello ante o xulgado e a Fiscalía
Por Oskar Viéitez |
-
A Anpa do Álvarez Limeses trasladará á Fiscalía a repartición de subvencións por "suposta prevaricación"
Por Oskar Viéitez |