As chuvias dificultarán a celebración do Entroido durante este sábado e o luns
Por Redacción
A influencia das baixas presións manterase durante o sábado nas Rías Baixas que sufrirá a chegada dunha nova fronte durante a tarde coa presenza de chuvias que entrarán polo litoral oeste e a organización do desfile principal do Entroido de Pontevedra terá que estar pendente ata última hora para decidir se se mantén ou suspéndese esta cita ineludible das festas.
Durante o domingo producirase unha situación intermedia entre o anticiclón retirado ao sur de Azores e un centro de baixas presións centrado en Francia. Espéranse ceos anubrados, coa posibilidade de precipitacións débiles e ocasionais, máis probables pola mañá, segundo a información facilitada polo servizo de MeteoGalicia. Os ventos soprarán de compoñente oeste.
O luns, outra fronte atravesará Galicia deixando ceos cubertos con precipitacións xa pola mañá nas Rías Baixas. Durante a tarde haberá alternancia de chuvascos e claros. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso.
A partir do martes 17 experimentarase un cambio na situación atmosférica, con predominio da influencia anticiclónica e unha probabilidade baixa de chuvias que aumentarán durante a xornada do xoves 19.
Durante os próximos días, as temperaturas situaranse entre os 8 e os 14 graos centígrados.