Volven reclamar a Portos de Galicia o dragado urxente da ría de Pontevedra
Por Redacción
O grupo municipal socialista expresou o seu apoio ao Club Naval nas súas reivindicacións sobre o saneamento integral da ría, na contorna dos pantaláns do porto deportivo.
O PSdeG-PSOE recorda que presentou unha moción ao Pleno do Concello do pasado mes de xuño de 2013, que foi aprobada por unanimidade. O acordo reclamaba a execución urxente desta obra, requería a Portos de Galicia para que explicase se mantén os seus plans de proceder ao dragado e, finalmente, á Dirección Xeral de Patrimonio para que comunicase o resultado dos estudos arqueolóxicos submariños realizados en 2010.
Sen embargo, dende entón nada se ten avanzado e Portos de Galicia non deixa de aprazar, "sen motivos convincentes" segundo o PSdeG, unha actuación necesaria para corrixir o serio prexuízo que se está a producir ao Club Naval de Pontevedra e tamén ao medio ambiente.
"Portos de Galicia especializouse en incumprir as promesas realizadas á cidade de Pontevedra"
"Nada estraño por canto que Portos de Galicia especializouse en incumprir as promesas realizadas á cidade de Pontevedra", valoran os socialistas locais salientando o xa ocorrido anteriormente co proxecto de acondicionamento do antigo porto das Corvaceiras e a creación dunha suposta estación marítima para impulsar o transporte recreativo pola ría.
Os socialistas consideran que a situación da canle de navegación da ría ten empeorado substancialmente a raíz das riadas tras os incendios de 2006 e mesmo coas obras de construción da ponte das Correntes.
Finalmente, expresan o seu apoio ás mobilizacións anunciadas para este sábado dende o Club Naval para reclamar o prometido dragado.
RECOLLIDA DE LAMA
O próximo sábado día 21 de febreiro entre as 10:30 e 11:30 horas, coincidindo coa marea baixa, procederase por parte dos compoñentes da xunta directiva do Club Naval, á recollida da lama, area, etc., existentes no peirao número 3, o máis próximo á avenida do Uruguai, que coa marea baixa queda en seco. Tamén se encontra afectado o peirao central. El club dispoñerá de cestos e pas, así como dun colector para a recollida da lama.
Relacionadas:
-
O PP de Poio pide que se priorice o dragado de Campelo á limpeza do Lérez "para os iates"
Por Oskar Viéitez |
-
Lores insta a reivindicar "todos xuntos" a dragaxe urxente do río Lérez á Xunta
Por Redacción |
-
Legalizan o Club Naval de Pontevedra 22 anos despois da súa construción
Por Redacción |
-
Alerta do Club Naval: "Si no se draga el río Lérez podemos llegar a desaparecer"
Por Alejandro Espiño |
-
A dragaxe do río Lérez, condicionado pola realización de prospeccións arqueolóxicas
Por Alejandro Espiño |