ENCE presume da derrota da APDR nos tribunais por segunda vez en tres anos
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu un segundo revés á Asociación pola Defensa d Ría (APDR) en relación coa renovación da autorización ambiental integrada (AAI) concedida pola Xunta de Galicia a Ence para a súa permanencia no complexo industrial de Lourizán. A asociación ecoloxista recorreu a prórroga, desestimóuselle, volveu recorrer e volvéuselle dar un revés. A propia empresa Ence deu a coñecer a nova sentenza do tribunal galego presumindo da derrota.
A sentenza da Sección Segunda Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG desestima o recurso presentado pola APDR contra a prórroga da AAI do ano 2011 e establece que a asociación ecoloxista debe facer fronte aos gastos xudiciais que ocasionou esta demanda. Imponlle o pagamento das costas ata un máximo de 1.000 euros para cada un dos letrados da parte demanda, que é a Xunta de Galicia.
Ence deu a coñecer a sentenza insistindo en que é a segunda derrota en relación coa AAI en tres anos e valorouna afirmando que volve demostrar que as principais afirmacións sobre a pasteira esgrimidas de forma reiterada por APDR ofrecen unha visión nesgada e/ou manipulada da realidade. Insiste en que estas argumentacións se fan para conseguir obxectivos políticos e as difundiu en polo menos 17 notas de prensa difundidas nos últimos anos en relación con este proceso.
Ence insiste en que xa lle recordou á APDR en diferentes ocasións que a lexislación á que se refiren na súa demanda non é aplicable para o caso en cuestión. Ademais, indica que a Xunta de Galicia, parte demandada no proceso sobre o que agora falla o TSXG, tamén evidenciou esta situación nas súas argumentacións, a APDR non presentou réplica ningunha aos datos da Xunta e o tribunal non dá por válido o argumento.
Na súa opinión, sucede o mesmo co exposto por APDR no seu recurso ao referirse á suposta presenza de metais pesados na vertedura de Ence e ao intentar relacionar a empresa coa presenza de coliformes fecais na Ría de Pontevedra.
Ence invita á APDR a coñecer a actividade e a realidade da empresa ao entender que o seu enfrontamento cara ao complexo industrial de Lourizán "responde a unha cultura en política cada vez máis en desuso e que debe dar paso á cultura da colaboración polo ben común". Ao respecto, recorda que formulou en maio do ano pasado a creación dunha mesa de traballo pola Ría de Pontevedra e tanto a APDR coma o BNG o rexeitaron publicamente.
A empresa insiste en que a Ría de Pontevedra pode xerar máis riqueza sostible a partir da convivencia harmónica do marisqueo e a acuicultura, a actividade industrial, loxística e portuaria, o comercio e o turismo.