Un milleiro de persoas pide á Fiscalía de Pontevedra e á Xunta medidas contra os cabalos con cepos
Por Natalia Puga
Un milleiro de persoas sumáronse a unha campaña realizada por internet para pedir á Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra e ao presidente da Xunta de Galicia que adopten medidas contra a proliferación de animais con cepos nos montes pontevedreses e, en xeral, de toda Galicia
A campaña púxose en marcha a través da plataforma Change.org e recolleu 908 apoios a data 18 de decembro. Fáltanlle 1.092 para lograr o reto que se marcaron nunha iniciativa que enfocan contra o maltrato que sofren estes animais salvaxes que levan cepos e implica enviar unha solicitude modelo á Fiscalía e a Xunta.
A petición refírese, en concreto, a que "se tomen medidas ao que vén acontecendo en Galicia do maltrato aos cabalos aos que se lles tortura poñendo cepos nas patas que lles impiden escapar en casos de incendio, que provocan accidentes nas estradas porque non poden escapar".
Os promotores da recollida de apoios piden "unha vida digna destes animais" e, para iso, cren necesario que dende a Fiscalía de Pontevedra e dende a Xunta se impoñan "multas exemplares e penas de cárcere cando se localice aos propietarios e máis vixilancia e patrullas que liberen destes cepos aos animais".
Recoñecen que estes cabalos salvaxes "non" levan microchip e aes difícil identificar ás veces os seus propietarios", pero piden medidas porque estes cabalos "están a sufrir unha tortura que non podemos tolerar".
A plataforma Defende o Monte Pituco difunde esta iniciativa dentro dunha campaña global para "dar conta publicamente desta grave problemática, para que quede constancia do noso rexeitamento ao maltrato animal, para que medre a concienciación e a denuncia social destes casos tan lamentables". Dentro destas accións, difunde tanto fotografía coma videos nos que se ven a animais que levan cepos.
Fanse eco, ademais, da situación de animais con cepos e tamén coas patas atadas con cordas e cables cuxa presenza foi denunciada pola asociación Libera nos últimos días e recollida por PontevedraViva.
Relacionadas:
-
O Parlamento de Galicia insta desenvolver medidas contundentes contra a práctica das "pexas"
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan da presenza de cabalos con cepos e cans abandonados na estrada de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Localizan unha ducia de cabalos salvaxes con cepos e patas atadas con cordas e cables
Por Natalia Puga |