PontedeTapas pecha a súa edición máis exitosa ao servir preto de 40.000 tapas
Por Alejandro Espiño
PontedeTapas, un dos eventos gastronómicos máis recoñecidos de Pontevedra, bateu todos os récords na súa quinta edición. Durante os 16 días que durou o certame vendéronse un total de 38.400 tapas. O impacto económico do concurso (calculado a unha media de 3 euros por participante: 1,50 euros da tapa e 1,50 euros de bebida) ascendeu ata os 115.200 euros.
A liña ascendente, segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, queda clara ao comparar esta edición coa anterior, celebrada o pasado mes de xuño, cando foron 34.000 as tapas vendidas. E tamén se se compara coa última edición de outono, o pasado ano, cando servíronse unhas 35.000 tapas. Isto demostra, dixo "que a edición de outono funciona mellor que a de primavera".
De aí que a edil socialista adiantara que "haberá que estudar os orzamentos municipais do ano próximo e, se hai que priorizar, apostarase pola edición do outono". Aínda que dixo que outra posibilidade sería que os propios hostaleiros "asumiran unha maior responsabilidade económica", pois ata o de agora corren co importe dos premios, mentres que o Concello con todos os gastos de organización, que suman uns 14.000 euros por edición.
En canto aos premiados, o gañador foi o Parador Nacional de Turismo, coa tapa "Bocado de terneira galega con foie acompañado de crema de calacú con crocante de queixo San Simón". Obtivo 4.801 votos. Pola súa banda, o segundo premio foi para o Restaurante Cinco Puertas coa súa proposta "Capricho ibérico" (3.612 votos), e o terceiro para El Aleph, con "¿Crisis?... ¡Ría!" (3.124 votos).
Carlota Román, que destacou o axustado das votacións, "con escasas diferenzas entre os primeiros", revelou que dos 44 locais participantes houbo 11 con moi boas votacións, mentres que só 5 obtiveron un número escaso ou malas cualificacións por parte do público.
Na oficina turística municipal tamén se sortearon os doce premios para o público participante. O primeiro premio consistía nunha viaxe de catro días e tres noites a Budapest, valorada nuns 1.000 euros. O resto foron cheques-regalo para consumir durante este Nadal no comercio local ou na Praza de Abastos.
Os gañadores foron:
- Viaxe a Budapest: Rosa López García (Pontevedra).
- Cheque 400 euros: Rogelio Vázquez Argibay (Pontevedra).
- Cheque 350 euros: Pablo Piñeiro Chapela (Pontevedra).
- Cheque 300 euros: María Guillán Montero (Pontevedra).
- Cheque 250 euros: Enrique Orza Ocampo (Poio).
- Cheque 200 euros: Beatriz Berea González (Pontevedra).
- Cheque 200 euros-Praza de Abastos: Sabela Estévez Cochón (Pontevedra).
- Cheque 200 euros-Praza de Abastos: Marina Reboredo Reboredo (Meis).
- Cheque 150 euros: Manoli Chéredes Pérez (Pontevedra).
- Cheque 100 euros: Cristina Covelo Sánchez (Pontevedra).
- Cheque 75 euros: Javier Méndez González (Pontevedra).
- Cheque 75 euros: Anna Brackenridge (Moraña).
Carlota Román destacou o dato de que, desta volta, a sorte favoreceu maioritariamente aos participantes locais, cando noutras ocasións houbo moitos premios que recaeron en público procedente doutras localidades galegas, españolas e mesmo estranxeiros.
A web de PontedeTapas é boa proba desa expectación global despertada polo certame. Un 29,5% das visitas producíronse dende Pontevedra, un 22,6% dende Vigo, un 21,20% dende Madrid, un 6,1% dende A Coruña e un 3,1% dende Bilbao. O sitio rexistrou tamén entradas dende o Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Portugal, Canadá, Suíza, Francia e México.