Pontevedra promociona o seu encanto nunha feira turística en Granada
Por Redacción
Pontevedra participa esta semana no principal evento turístico español desta época do ano. Unha delegación local está presente en Granada, xunto con expositores chegados dende once países, na XVI edición de MITM Euromed, unha feira para profesionais especializados en congresos e viaxes de incentivos.
MITM Euromed ofrecerá, ata este sábado, a posibilidade de contactar directamente e a través de citas individuais, con empresas corporativas, firmas de incentivos, de mercadotecnia, e organizadores de reunións, eventos e congresos.
Segundo destaca o Concello de Pontevedra, axencias e touroperadores nacionais como Viajes Denatravel e Manos Travel mostraron gran interese por Pontevedra. Especialmente relevante foi a boa acollida na empresa "Sensaciones a la carta". O seu director Joaquín Esparza, está especializado en turismo de empresas e está considerado como "buscador de tesouros" en destinos semidesconocidos, caracterizados por valores gastronómicos, alta calidade e encanto arquitectónico-cultural.
A delegación pontevedresa mantivo tamén xuntanzas con empresas internacionais, como os franceses "Yellow Meeting" ou os rusos "Russkie prostori", que, aínda vendo o destino moi afastado, destacaron que as conexións aéreas vía París son excelentes. E así ata 30 reunións profesionais, nas que cada axencia tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as potencialidades turísticas de Pontevedra e comarca.
Esta acción promocional enmárcase na política de Turismo de Pontevedra, que xa iniciou outras accións en datas pasadas, como a promoción da cidade entre os cruceiristas que chegan ao porto de Vigo. Entre as próximas campañas atópase tamén un blog trip coa presenza en Pontevedra de cinco grandes blogueiros especializados en turismo, como "derechupete" (gastronomía), "vagamundos" (viaxes) ou a revista de turismo Expreso. Todos eles terán a ocasión de visitar Pontevedra, e os principais atractivos da arte rupestre da comarca.
Además, xa se está a traballar nunha presentación en Barcelona para potenciar a imaxe da cidade de Pontevedra grazas ao voo directo de Vueling entre o aeroporto provincial de Pei-nador e a capital catalá.