Abre o plazo para participar nos concursos de carteis e fotografías da Festa da Troita
Por Redacción
Ata o próximo 7 de abril estará aberto o prazo para participar nunha nova edición dos concursos de carteis e fotografía que se organizan en Ponte Caldelas con motivo da celebración da Festa da Troita. A 49 edición desta festa, declarada de interese turístico, terá lugar a fin de semana do 30 e 31 de maio.
O XIV Concurso de Carteis estará dotado cun premio único de 400 euros para o gañador do certame que ten como obxecto seleccionar o motivo anunciador da festa e a el poderán concorrer artistas e deseñadores nacionais e internacionais. Este cartel servirá de base de todo o traballo de promoción e divulgación da imaxe que lucirá a presente edición deste evento que goza do distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas obras, inéditas, de técnica libre e o prazo de admisión dos traballos manterase aberto ata o 7 de abril de 2015 ás 14.00 horas. Os traballos presentaranse de luns a venres nas oficinas da Casa do concello de Ponte Caldelas, en horario de 9 a 14 horas.
Co fin de que poidan ser consultadas, as bases encóntranse xa expostas na páxina web do Concello, así como o mecanismo que rexerán os distintos concursos, así como a actuación dos xurados encargados de ditaminar a presente edición destes prestixiosos certames.
Pola súa banda, o Concurso de Fotografía pretende conseguir unha maior difusión e promoción turística da Festa da Troita a través da imaxe plástica recollida polos distintos dispositivos capturadores de instantáneas relacionadas co propio evento festivo, o municipio, os labores tradicionais, as xentes, así como o concepto e carácter sostible desta.
Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas fotografías a cor ou en branco e negro, en brillo ou mate, cun tamaño mínimo de 15 x 20 centímetros. Non se aceptarán aquelas fotografías que foran manipuladas por ordenador. Os traballos deberán ser presentados nas oficinas municipais antes das 14 horas do martes 7 de abril. Todos eles pasarán a formar parte do arquivo fotográfico do Concello de Ponte Caldelas.
Este certame conta con tres premios dotados cunha contía económica de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para o primeiro, segundo e terceiro clasificados.
Relacionadas:
-
O Verdugo dá a benvida a 3.000 novas crías de troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas inicia os preparativos para a Festa da Troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas rende tributo á súa 'xoia gastronómica' coa XLVIII edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas ofrecerá máis de 800 quilos de troita na súa festa gastronómica
Por Oskar Viéitez |