Na busca do agasallo máis original para o Nadal; comeza Pontenadal
Por Alejandro Espiño
Pontenadal, a feira de artesanía e agasallos que se celebra todos os Nadais en Pontevedra, xa está aberta. Chega xa á súa duodécima edición. 36 establecementos comerciais participan neste evento, organizado polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental, que segue demostrando ano tras ano que é un dos certames máis exitosos da cidade.
A carpa, que como en anos anteriores, instalouse na praza do Teucro, abre as súas portas ao público desde este xoves 20 de decembro e permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro. Poderase visitar todos os días, excepto o día de Nadal e o de Ano Novo, de once da mañá a dúas da tarde e de cinco da tarde a dez da noite.
Esta feira que, segundo os seus organizadores, ten como obxectivo "achegar aos pontevedreses os agasallos máis orixinais", conta con casetas dedicadas a produtos relacionados con coiro, pel, cerámica, bixutería, pintura, téxtil, prata, produtos apícolas, complementos, xabóns, velas, turróns, licores... "e un sen fin de agasallos para estes Nadais".
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, en Pontenadal tamén estarán presenten varias ONG, entre elas a Asociación Alba e Amencer, así como Solidariedade Internacional e o Centro San Vicente Paúl.
A participación, di o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, é semellante á de edicións anteriores. "Quedaron numerosos artesáns en lista de reserva", o que segundo os seus responsables, "é outra proba do éxito desta feira que se non xerase ingresos non espertaría interese no sector".