San Patricio, un festival con boa "pinta"
Deporte, cultura, gastronomía e cervexa danse cita dende este mércores na Praza de España co Festival Galaico Irlandés de San Patricio. O Mareantes Rugby Club, organizador deste evento que xa vai pola súa quinta edición, presenta este festival no que a cultura irlandesa e galega se unen co fin de recadar fondo para o club.
O ambiente festivo, dende o inicio, reina entre os asistentes que beben, comen e charlan animadamente en mesas que se comparten entre coñecidos e estraños. Non é raro que eses descoñecidos que comparten mesa acaben charlando sobre a música, sobre Galicia ou en xeral de todo un pouco, porque de momentos como estes poden nacer as mellores amizades.
A organización do evento é posible grazas aos membros femininos e masculinos dos equipos sénior do club, rapaces e rapazas que o dan todo porque a festa quede no recordo, mesmo para eles. Sempre responden cun sorriso a calquera dúbida que os asistentes teñan sobre os sorteos ou sobre que cervexa probar na seguinte rolda.
Os voluntarios nos cinco días que dura o festival dedícanse a estar na cociña, na barra servindo, recollendo vasos e pratos das mesas ou percorrendo a carpa por se algún dos asistentes esquece algunhas das escasas normas que existen, como fumar só no exterior ou non sacar os vasos fóra da carpa. Estes mozos van dun lado para outro mantendo a carpa sempre impecable. No tempo de ir e volver buscar un novo refrixerio a mesa dos asistentes móstrase limpa e preparada de novo.
Eloy Díaz, presidente do club, supervisa que todo marche ben baixo a carpa mentres degusta unha cervexa e comenta que a xornada comeza con "un pouquiño de dificultade, xa que ao ser todos voluntarios ninguén está afeito a traballar nestas cousas, é algo que se fai unha vez ao ano e dura cinco días e custa un pouquiño arrancar". Tras unhas horas afacéndose ao traballo todos saben que facer, e senón sempre esta Pablo, un axitado coordinador galardoado cunha insignia verde no peito para que todos recoñezan quen é o que manda. El encárgase de dicirlles a todos onde deben estar e que deben facer.
O inicio desta celebración comeza con calma, "foi mais que nada abrir e que a xente soubese que estabamos aquí", comenta Eloy Díaz. Na tarde é cando realmente comeza o movemento no recinto, a actuación da Asociación Cultural Trépia anima o ambiente coas súas voces, pandeiros cadrados, pandeiretas e gaitas, pero sobre todo co "bo rollo" que desprenden os membros deste grupo. Esta simpatía non é só en aparencia. En canto baixan do escenario son un máis na festa e únense ás conversacións e rodas que se forman dentro e fóra da carpa.
As xente que asiste a esta celebración baila muñeiras e toca as palmas coas cancións da agrupación. O cociñeiro invitado desta edición, o prestixioso Pepe Solla, aproveita para botarse a gaita ao lombo nunhas cantas cancións. A boa temperatura anima a deixar as chaquetas colgadas no brazo e a beber algunha cervexa máis das previstas. Os estudantes Erasmus interésanse por esta "irmandade" que existe entre Galicia e Irlanda. E así algúns se arrancan a narrar as moitas semellanzas que existen entre ambas as dúas culturas, irmandadas baixo esta carpa ata o domingo 22.
Relacionadas:
-
Cervexa sen glute e 'happy hour' na sexta edición do Festival San Patricio
Por Diego Espiño |
-
Un festival de récord con máis de 5.000 litros de cervexa vendidos
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
San Patricio tamén se celebra no campo de rugby
Por Redacción |
-
San Patricio chega este mércores á Praza de España con 5.000 litros de cervexa
Por Elsa Juliá Sánchez |