O primeiro surtidor de autogás da comarca
Por Oskar Viéitez
A gasolineira de Repsol en Poio, na avenida de Encoirados, xa dispón do primeiro surtidor de autogás da comarca.
Trátase dunha alternativa máis eficiente, menos contaminante e sobre todo moito máis barata á gasolina ou o gasóleo.
O autogás (gas licuado para vehículos) trátase dun tipo de carburante para coches 'bifuel', é dicir, que funcionan indistintamente con autogás ou con gasolina, xa que dispón de dous depósitos.
O condutor é o que elixe, en función das súas necesidades e a través dun sistema que se instala no cadro de mandos, se gasta un ou outro combustible.
Cando vai encher, o condutor só ten que abrir a tapa do depósito e a través dunha adaptador que proporciona a estación de servizo, coloca a mangueira e enche o depósito.
Pero o principal beneficio para os que xa utilizan autogás é o prezo. O litro de gas licuado costa 0,79 euros mentres que o de gasolina está a 1,47 e o de gasóleo a 1,41 euros.
Segundo a información facilitada por Repsol o uso do GLP ou autogas estase introducindo con rapidez en España, onde circulan uns 8.000 vehículos deste tipo. Coa de Poio na provincia de Pontevedra hai tres gasolineiras con autogás.
Entre os colectivos profesionais que máis o demandan atópanse os taxistas.
Coa de Poio na provincia de Pontevedra hai tres gasolineiras con autogás
O GLP de automoción supón en custo por quilómetro un aforro medio do vinte por cento respecto dos combustibles convencionais.