Os policías advirten da "alarmante subida da taxa de criminalidade"
Por Oskar Viéitez
Hoxe venres 21, os Policías Nacionais terían que cobrar a paga extra de Nadal, mais non o fixeron, do mesmo xeito que o resto de funcionarios do Estado, "para nós hoxe é un venres de dores", sinalou o Secretario Xeral en Galicia do Sindicato Unificado de Policía (SUP).
Ao redor de medio centenar de Policías Nacionais concentráronse ao mediodía ás portas da Comisaría provincial para evidenciar a súa protesta facendo patente o seu malestar nunha pancarta na que se lía " Entre capullos y gaviotas nos han dejado en pelotas", cos identificativos do PSOE e do PP "por si a alguién lle quedaba algunha dúbida".
"Logo de facer un servizo público perigoso, penoso, cremos que merecemos outro trato deste Goberno e por parte do anterior, xa que tanto uns coma os outros nos desprezaron olímpicamente", apuntou Freire.
"O cabreo e desmotivación, quéirase ou non, afecta ao servizo diario, calquera o poderá entender"
O responsable do SUP en Galicia advertiu que esta situación de "cabreo e desmotivación, quéirase ou non, afecta ao servizo diario, calquera o poderá entender".
Ademais dos recortes salariais desde o SUP alertan do descenso de medios técnicos para empregar no seu traballo diario "polo tanto creemos que os cidadáns teñen que empezar a preocuparse por esta situación".
José Freire apoiou o seu argumento cos últimos datos sobre a evolución da delincuencia en España "a taxa de criminalidade está subindo alarmantemente, e en parte tamén é pola desmotivación dos funcionarios e tamén pola situación social que aboca a moitas persoas a mangar algo para poder subsistir".
Os axentes da Policía Nacional son conscientes de que "hai moitos cidadáns que o están pasando peor que nós" polo que á súa protesta sumaron un xesto solidario coa entrega dunha furgoneta chea de alimentos e xoguetes a Cáritas. Un donativo que recolleron os policías da comisaría de Pontevedra, Vilagarcía e Marín na que bautizaron como "Operación quilo".
"Polo menos que durante estas festas que alguén se acorde que os policías ademais de reprimir algunha manifestación que outra, de andar detrás dos chourizos e preservar a propiedade dos cidadáns tamén ten estes xestos e que estamos ao servizo do pobo", concluíu o secretario xeral do SUP en Galicia.