Proxectan un gran parque público de 14.000 metros cadrados nos antigos terreos de Malvar
Por Alejandro Espiño
Abrir unha nova zona da cidade ao mar. Ese é o obxectivo do proxecto que se trae entre mans o Concello de Pontevedra, que pretende crear un gran parque público nos antigos terreos de Malvar, no barrio de Mollabao. Será coa colaboración de Costas do Estado, que cederá tamén unha serie de parcelas para esta actuación. En total, trátase dun espazo duns 14.000 metros cadrados.
Todo parte, segundo explicou o concelleiro César Mosquera, da comunicación por parte de Costas de que a estes terreos, situados dentro da franxa de protección marítima-terrestre, se lles caducara a concesión outorgada no seu día. O organismo estatal mostrábase interesado en recuperar este espazo público e ofrecía toda a súa colaboración para derrubar as construcións existentes, actualmente en avanzado estado de deterioración.
Paralelamente, xurdiu a posibilidade de que o Concello de Pontevedra puidese adquirir a parcela que, no seu día, foi propiedade de Malvar -5.223 metros cadrados-. Tras ser vendida a unha inmobiliaria, rematou en mans do banco Banesto que optou por taxala á baixo. O seu valor catastral roza os 324.000 euros, pero o prezo polo que están dispostos a vendela é de 109.000 euros.
Mosquera avanzou que ademais dun "gran parque" poderían acoller tamén instalacións deportivas "lixeiras" ou unha área de aparcadoiro
Tras unha visita dos técnicos municipais á zona, o goberno municipal optou por interesarse por esta operación. "Non é que o Concello se dedique a comprar terreos", explicou Mosquera, pero entenden que se lles presentaba unha "oportunidade única" para conseguir que todo ese ámbito, catalogado no PXOU como espazo público, se abra ao mar.
Chegouse a estudar se se podía reaproveitar as construcións que hai actualmente na zona, pero o edil nacionalista afirmou que o seu estado de deterioración é tal que só é viable o seu derrubamento. O Concello planea ademais, xunto con Costas, limpar todo o ámbito e destinalo a un espazo público cuxos usos "serán determinados no seu momento", avanzando que ademais dun "gran parque" poderían acoller tamén instalacións deportivas "lixeiras" ou unha área de aparcadoiro.
Se frutifica a compra destes terreos, o Concello de Pontevedra espera que "o ano que vén" se poida empezar a traballar na rehabilitación de toda esta zona.
Ademais, de cara ao futuro, o goberno municipal estudará a posibilidade de ampliar esta zona pública con terreos situados nas súas inmediacións, onde Mosquera apuntou que hai moitas "naves abandonadas" ou pequenas parcelas que son de Costas.
Relacionadas:
-
O Concello mantén a súa intención de comprar o terreo de Malvar para facer un parque en Mollavao
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello negocia con Costas a cesión de terreos en Ponte Sampaio, Mollabao, Malvar e na contorna do Pavillón
Por Redacción |
-
Novos espazos públicos en Mollabao e O Burgo, primeiros pasos
Por Redacción |