Os preferentistas volven á rúa: "Todos somos Domitila"
Por Redacción
O vindeiro martes 7 de abril os afectados polas preferentes volverán ás rúas de Pontevedra. Non protagonizarán unha das habituais concentracións ou manifestacións coas que encheron a cidade co son das súas bucinas e camisetas de todas as cores para reclamar que lle devolveran os seus cartos atrapados en produtos financieiros híbridos. Nesta ocasión sairán para gritar: "Todos somos Domitila".
A cita será ás 10.00 horas na rúa Germán Adrio, á altura do número 4. Concentraranse no exterior do edificio que acolle os xulgados do Contencioso-Administrativo, pois dentro estarán a xulgar a Domitila Vicente Franco, unha muller de 82 anos que se move con andador e que foi multada por alteración da orde pública durante unha protesta de afectados polas preferentes no Concello do Rosal no ano 2013.
Os afectados fan un chamamento á asistencia á concentración de protesta e tamén a divulgar un vídeo de Domitila que veñen de publicar nas redes sociais. Nel, a muller deféndese asegurando que terá un xuízo por dúas multas das que "eu non me sinto culpable".
"Eu ía defender o que era meu, eu non peguei a nadie", explica Domitila, que se ve obrigada a defenderse ante acusacións como alteración da orde pública ou un comportamente presuntamente agresivo co que intentou acceder ao interior da casa consistorial do Rosal en tres ocasións durante a mesma protesta. Ela recoñece que participou na concentración, pero non o resto das acusacións.
A pesares da súa idade e da osteoporose que a obriga a usar un andador para moverse, amosa moita forza de vontade e deféndese con seguridade: "eu non me sinto culpable de nada, eu defendo o que é meu".
Relacionadas:
-
Denuncian que a AECC acepta unha doazón dos afectados das preferentes, pero evita a foto con eles
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os preferentistas piden á Fiscalía que investigue a "represión" que sufriron mediante multas
Por Oskar Viéitez |
-
Domitila, a preferentista do andador, gaña o pulso ao Estado
Por Oskar Viéitez |
-
Xuízo contra unha preferentista de 82 anos con andador por saltarse un cordón policial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os axentes da Garda Civil que multaron o líder dos preferentistas de Baixo Miño non se presentan ao xuízo
Por Oskar Viéitez |
-
Os preferentistas defenden a súa inocencia no xulgado ante as multas impostas pola Garda Civil
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |