Un convenio pioneiro en España permitirá axilizar a venda de bens de narcotraficantes
Por Redacción
Un convenio de colaboración pioneiro en España permitirá impulsar a xestión eficaz dos bens comisados en delitos de narcotráfico en Galicia. ÿ froito da colaboración entre a Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico e permitirá, entre outras cuestións, axilizar a venda de bens de narcotraficantes.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, asinaron o convenio este martes insistindo en que responde a unha reclamación histórica da Fundación e amplía o seu labor de máis de dúas décadas nun eido no que eles consideraban fundamental actuar.
O acordo permitirá poñer a disposición dos xulgados un servizo especializado na xestión, depósito e realización anticipada dos bens mobles incautados ao narcotráfico. Será unha nova ferramenta de traballo deseñada para lograr unha óptima xestión dos bens mobles incautados, evitando a súa depreciación e perda de valor, facilitando a súa venda anticipada a través de entidades especializadas.
Desta maneira, evitarase o deterioro dos devanditos bens e libérase á Administración de Xustiza e as Forzas de Seguridade dunhas tarefas alleas ao seu labor que ata a data se vían obrigadas a asumir, dedicando importantes cantidades de tempo e recursos.
Unha das súas vantaxes é o retorno social dos bens incautados, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais, municipios e forzas de seguridade; e a mellora da eficacia da loita contra o narcotráfico por canto reforza un dos seus piares básicos: a intervención dos patrimonios procedentes da venda de drogas, considerada unha cuestión de importancia estratéxica a nivel internacional.
O novo servizo, concibido como un recurso optativo e que se realizará sempre baixo mandato xudicial, permitirá unha xestión eficaz dos bens mobles incautados en procesos xudiciais instruídos en Galicia. Trátase principalmente de vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que a partir de agora serán vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais, ofrecendo unha indubidable achega de valor e servizo á sociedade galega.