Gala a favor de RedeAxuda e as protectoras de animais. A entrada? Xoguetes ou alimentos
Por Redacción
A Sala Karma acollerá o próximo xoves 27 de decembro unha particular gala benéfico. Será unha xornada de actividades que se prolongará entre as 12.00 horas da mañá e as 22.30 horas da noite en favor da asociación coordinadora de Protectoras de Animais de Pontevedra e da plataforma RedeAxuda. Unha das súas peculiaridades será o prezo a pagar para poder acudir. Ninguén entrará se non entrega na porta xoguetes ou alimentos.
A xornada incluirá a celebración dun mercado de primeira e segunda man da asociación de Protectoras de Pontevedra, actuacións de maxia, unha exposición fotográfica de fauna galega, unha mini feira de vinilo, unha degustación de polbo de man dunha pulpeira de Ourense ou a actuación dun monologuista.
Non faltará a música, que correrá a cargo dun DJ e o concerto de 'Querido Estraño', 'Gold and Colt', 'Skirlt' e unha banda pontevedresa da que non se revela o nome, para deixar que o público o adiviñe, como unha gran sorpresa. Como pista para aqueles interesados en asistir, os organizadores din que o público debe investigar "a xeito de sabuxo".
O evento non pretende unicamente recadar xoguetes e alimentos, senón dar a coñecer ás asociacións participantes, fomentar o voluntariado e difundir o traballo que realizan as distintas asociacións, pedindo finalmente que a axuda non quede nun acto puntual senón que se estenda tamén ao resto do ano.