Os bombeiros aseguran un tellado da Oliva tras un desprendemento de uralita
Por Redacción
Dúas dotacións do Corpo de Bombeiros de Pontevedra e dúas patrullas da Policía Local tiveron que desprazaron o mediodía deste luns ata a rúa Oliva ante o risco ocasionado polo desprazamento de uralitas dun tellado.
O incidente produciuse arredor das 11.40 horas. Segundo testemuñas presenciais, unha uralita voou dende un tellado situado na beirarrúa esquerda da rúa e foi parar á beirarrúa contraria. Xusto nese momento pasaba por debaixo un señor cunha nena nos brazos e tivo que facer un movemento rápido para evitar ser golpeado.
Cando as testemuñas se dispoñían a alertar os servizos de emerxencias chegaron ao lugar varios axentes da Policía Local que estaban a patrullar pola zona e xa se fixeron cargo da situación.
Arredor das 12.00 horas desprazáronse ata a rúa Oliva efectivos dos Bombeiros, que mobilizaron ata o lugar dous camións con guindastre para subir ata o tellado, asegurar o resto das pezas e, desta forma, evitar máis desprendementos.
O incidente obrigou a Policía Local a manter cortada a rúa Oliva tanto para os coches como para os peóns durante ao redor dunha hora.
O incidente produciuse á hora á que empezou a soprar con maior forza o vento en Pontevedra. Nese mesmo momento, producíronse intervencións na mesma liña en Sanxenxo.
Os servizos de emerxencias tiveron que desprazarse ata o avenida de León por unha estada solta e ata o paseo de Silgar para retirar un farol a punto de desprenderse.