Colectivos veciñais e deportivos de Vilaboa reclaman a conversión da antiga vía do tren en Vía Verde
Por Redacción
Os colectivos veciñais e deportivos de Vilaboa reclaman a conversión do antigo tramo ferroviario Pontevedra-Soutomaior (Arcade) en Vía Verde a través dun escrito que presentaron nos rexistros do ministerio de Fomento, na Subdelegación de Goberno, Xunta de Galicia e concellos de Vilaboa, Pontevedra e Soutomaior.
Representantes da Asociación Salinas do Ulló, Club Piragüismo Vilaboa e do Club Ciclista Val do Ulló reclaman tamén a conversión do antigo tramo ferroviario Pontevedra-Soutomaior (Arcade) en Vía Verde do antigo tramo férreo entre Pontevedrae Vigo.
Membros dos grupos promotores desta iniciativa reuníronse co rexedor e co tenente de alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro e Ornela Fernández, que manifestaron a súa identificación total coa demanda e se comprometeron a realizar xestións perante o ministerio de Fomento.
Os colectivos veciñais e deportivos argumentan na solicitude que "ante a información aparecida en medios de comunicación recentemente na que se dá conta da posibilidade de que a antiga vía férrea Pontevedra-Soutomaior sexa destinada a transporte de mercadorías" e apoiándose en que o concello de Vilaboa está atravesado por moitas redes viarias: AP-9, N-550, N-554, a antiga vía férrea e as novas vías da AVE, ademais da futura rotonda que conectará a AP-9 con A-57, consideran que destinar ese tramo ferroviario a vía verde melloraría os niveis de seguridade viaria, especialmente no caso de peóns e ciclistas que empregan a N-550 para os seus desprazamentos.
Ademais sinalan que esta proposta permitiría potenciar ao concello de Vilaboa como referente senderista. Neste mesmo sentido tamén o concelleiro pontevedrés, Luis Bará, manifestara a súa intención de que este tramo se convertese en Vía Verde e así o solicitaron ao ministerio de Fomento.
Relacionadas:
-
Os veciños marchan polo antigo trazado ferroviario para reclamar a Vía Verde
Por Redacción |
-
Agustín Fernández acusa a BNG e PP de "botar fume electoral" coas súas propostas para crear vías verdes
Por Redacción |
-
Propoñen transformar nunha Vía Verde a antiga liña férrea entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |