Obras para mellorar o paseo peonil do Lérez e ampliar os aparcamentos preto do IES Torrente Ballester
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciará en próximas semanas distintos traballos de reparación de mantemento en distintos puntos da cidade. Un deles será o paseo peonil do río Lérez, entre o fin do carril-bici e a praia fluvial. Trátase dun espazo que, segundo Luis Bará, utilizan numerosos pontevedreses e que non se atopa nas mellores condicións.
A primeira actuación será a construción dun muro de contención para resolver problemas de afundimento do terreo, coñecido dende hai un tempo, pero que se viu agravado nas últimas semanas. Farase un muro de contención de 60 metros lonxitude e terá unha altura de 1,5 metros de alto. Farase en granito silvestre moreno para que no desentoe co entorno.
Aproveitando esta actuación tamén se fará un arranxo e pavimentación deste tramo que é moi transitado. Tamén se instalará unha varanda de madeira de 80 metros de longo para mellorar a seguridade da zona. O orzamento total é de 50.000 euros.
Ademais, o Concello de Pontevedra acondicionará unha parcela municipal, destinada a equipamento educativo e próxima ao IES Torrente Ballester, de 3.500 metros cadrados como estacionamento provisional. Segundo explicou o edil de Obras é preciso a explanación e pavimentación, así como o asfaltado da parcela. Trátase dunha necesidade reclamada polos veciños do lugar.
Esta actuación suporá un investimento de 60.467 euros e permitirá crear, segundo as estimacións da Policía Local, un cento de novas prazas de estacionamento. Os accesos serán polas rúas Herminia Fariña e Pintor Urbano Lugrís.
Tamén se realizarán melloras no estacionamento do antigo mercado provisional, un traballo que adoita facerse nesta época, logo do inverno. Son traballos de nivelación e achega de xabre para eliminar fochancas.
Segundo explicou Luis Bará, nesta parcela non se poden facer traballos de entidade como a canalización de augas pluviais e asfaltado, porque é un terreo propiedade de Costas. O orzamento desta actuación é de 40.242 euros.