Portos de Galicia quere atraer 'megaiates' aos portos das Rías Baixas
Por Redacción
Portos de Galicia, impulsará a chegada de iates de grandes dimensións aos peiraos deportivos de titularidade autonómica das Rías Baixas.
Esta liña de traballo vén de ser incorporada ao Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a ultimar, logo de recibir nos días pasados as alegacións ao documento base.
O ente público que preside José Juan Durán vén de analizar todas as suxestións presentadas para ser incorporadas ao documento que Portos de Galicia empregará como folla de ruta do sector a curto e medio prazo.
Administracións públicas, institucións, empresas do sector e colectivos de usuarios colaboraron na presentación de propostas que veñen a mellorar este documento. Entre as alegacións presentadas, a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e a Asociación de Industriais da Metalurxia de Galicia (ASIME) coincidiu en resaltar a necesidade da adaptación dos portos galegos para a recepción dos chamados megaiates.
Enténdese por megaiates as embarcacións náuticas de máis de 24 metros de eslora e 12 pasaxeiros.
Conscientes do potencial económico deste perfil de barco e visitante, Portos de Galicia ten decidido apoiar a habilitación, por parte da iniciativa empresarial, de espazos portuarios específicos para o atraque de grandes iates.
Incidirase na vinculación porto-vila
Nunha primeira fase de traballo, os peiraos da provincia de Pontevedra que así o permitan polo seu calado, serán o referente para esta estratexia de atracción de megaiates, sen perxuízo doutras acións puntuais para o resto do litoral e de vindeiras fases de traballo.
Así mesmo, a instancia da Federación Galega de Municipios e das administracións locais que participaron neste proceso de alegacións, incidirase na vinculación porto-vila, para crear sinerxias entre as instalacións portuarias e as poboacións que as acollen. Deste xeito, continuarase na liña de xestión xa iniciada, que outorga prioridade á planificación e ordenación do solo portuario.
O Plan Estratéxico da Náutica Recreativa incluirá tamén aspectos técnicos e consideracións de ámbito turístico que foron recibidas dende as institucións e entidades aludidas e consideradas de grande interese en beneficio dos usuarios dos portos deportivos. Neste sentido, o presidente do ente público, José Juan Durán, resalta o carácter "aberto, dinámico, evolucionable e adaptado á realidade", do documento, "para a súa máxima efectividade".
Relacionadas:
-
Os portos deportivos pontevedreses incrementan un 10,3% a súa actividade
Por Redacción |
-
Catro paquetes turísticos para "poner en valor" o potencial de Pontevedra e a súa comarca
Por Alejandro Espiño |
-
O pontevedrés que inventou a "axencia de viaxes no peto"
Por Oskar Viéitez |
-
O turismo da provincia aposta pola Internet
Por Oskar Viéitez |