Un acusado, con antecedentes por violencia de xénero, nega que intentase asfixiar a súa exparella en Moaña
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra acolleu este martes o xuízo contra Roberto B.A., con antecedentes no ámbito da violencia de xénero, acusado dun delito de lesións, ameazas e detención ilegal, feitos que hoxe negou durante a vista oral.
Este home, que traballa como porteiro de discoteca en Vigo, está acusado polo Ministerio Público e polo avogado da presunta vítima, de reter a súa exparella sentimental nunha zona illada de monte en Tui. Despois, na zona de Moaña, onde a obrigou que o levase segundo declarou a muller, apertoulle o pescozo coas mans en tres ocasións ata que a vítima perdeu a consciencia.
Ademais, segundo a muller, no interior do coche golpeouna e amedrentouna dicíndolle que tiña unha pistola na súa casa e que con ela a ía matar a ela e á súa familia.
A fiscal pide que sexa condenado a seis anos e once meses de prisión.
Durante o xuízo, a muller compareceu oculta detrás dun biombo, explicando que saíra coa vítima durante mes e medio ata que, dúas semanas antes dos feitos, decidiu romper a relación "porque era agresivo" e ademais lle insultaba con frecuencia.
A suposta victima relatou entre saloucos como o 2 de novembro de 2011 se desprazaron en coche en reiteradas ocasións entre Tui e Moaña, no medio dunha permanente discusión que se prolongou durante horas ata que se produciu a agresión.
Pola súa banda, o acusado negou que discutiran, afirmou que aquel día levaba posto un dispositivo electrónico de detección de proximidade de agresores por violencia de xénero polo que "no quería tener más problemas". De modo que chamou a súa exparella "para arreglar las cosas" e insistiu ante o tribunal dicindo "yo no soy machista".
Segundo a súa versión dos feitos, a muller se "indispuso" durante o tempo que estiveron xuntos e dixo descoñecer como se fixo os hematomas e múltiples cortes que presentaba ao día seguinte, ou como tiña roto o uniforme de traballo que vestía "sinceramente no sé porque me denunció", declarou.
Si admitiu que "estaba asustadísimo" porque ela lle dixo que o ía denunciar, e que consumiu cocaína mentres estaba coa súa exparella. Tamén negou que a tería retido temporalmente nun cuarto no seu domicilio, ata que accedeu a regresar a Moaña onde un amigo o recolleu nunha gasolineira.
Este mesmo amigo recomendou a vítima que denunciara a Roberto "porque está muy loco", relatou a muller sinalado que só acudiu ao médico ao día seguinte tras a insistencia dos seus familiares, momento no que se activou o protocolo por malos tratos intervindo xa a Garda Civil.