Empeza a tempada de pesca de anguía no río Lérez con "mollos de vide"
Por Redacción
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, somete a información pública a proposta do plan de aproveitamento da anguía específico para a bacía do río Lérez para este ano 2015, segundo publicou este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG).
As condicións incluídas na proposta para o actual ano determinan que o período hábil de pesca proposto abranguerá desde este xoves ata o 30 de outubro de 2015. As artes levantaranse transcorridos 15 días desde que foron colocadas, empregando nesta tarefa dous días. O número previsto de días de actividade na tempada é de 28, con xornadas de pesca diarias de 4 horas.
Tamén se indica que o número de aparellos ou artes de pesca por persoa: non poderá ser superior a dez "mollos de vide" por tripulante, cun número máximo autorizado de vinte mollos. En relación coas cotas de captura, só se autoriza a captura de anguía na fase de ciclo vital denominada anguía amarela, cunha dimensión mínima de 20 centímetros e cun máximo 10 quilos por día e tripulante.
Os pescadores deberán reportar a información relativa ás capturas totais e días traballados, así como a xustificación da comercialización das capturas en lonxa.
MOLLO DE VIDE
O mollo, tamén chamado manoxo de vides e rollo cordel é un aparello que se coloca cando a marea está baixa. A anguía gusta moito de meterse nestos "mollos" que lle permiten esconderse. Leva un triple atado, para que ó botalo ó río, no sentido da corrente, non se desfaga e se vaia o fondo. Vai atado a unha corda que permite recuperar o "mollo" e as anguías grandes que veñen con el.