Cores Tourís apoia a "necesidade" de ampliar o colexio da Illa ante o incremento de alumnos
Por Redacción
"A Illa é un dos municipios con maior crecemento vexetativo da provincia e isto supón un aumento evidente do número de alumnos para os próximos anos, de aí a necesidade desta ampliación". Con esta frase apoio o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a necesidade de facer obras para dar maior capacidade ao CEIP A Torre da Illa de Arousa.
Cores Tourís reuniuse este mércores co voceiro do PP na Illa de Arousa, Juan José González, para analizar a situación da ampliación do CEIP A Torre e trasladoulle que nestes intres está en marcha un estudio de ampliación deste centro educativo, ante o importante aumento de demanda de matrícula que se constatou para os próximos cursos.
O voceiro popular quixo manter un primeiro encontro co delegado territorial e coñecer así a situación das futuras obras neste centro educativo demandadas pola comunidade educativa.
En resposta a esta preocupación, o delegado territorial da Xunta insistiu no compromiso adquirido pola Consellería de Educación na pasada lexislatura con esta obra de mellora do colexio do municipio que suporía a execución de dúas novas aulas en Primaria para o que sería necesario unir os dous edificios actuais do centro.
Juan José González tamén trasladou a Cores Tourís a necesidade de xuntar no mesmo bloque de Infantil todas as aulas, "xa que unha delas se atopa nun dos edificios de Primaria".
Segundo engadiu o voceiro popular, "ao trasladar esa aula ao bloque de Infantil, poderíamos contar cun espazo libre en Primaria que podería ser utilizado para outros fins educativos".