Autorizan ao Concello a modificar o trazado do ramal de saída da estación de autobuses
Por Redacción
O novo acceso a Pontevedra pola parte sur da cidade, coñecido como o desdobramento da avenida de Vigo, unirá o nó do Pino coa rúa da Estación. No punto de encontro, está prevista a construción dunha glorieta que regule todo o tráfico da zona. Faltaba so que a Xunta de Galicia accedera a modificar o ramal de saída da estación de autobuses para que confluíra con esta nova rotonda. E o visto bo a esta solución chegou este martes.
A Dirección Xeral de Mobilidade vén de autorizar a execución destas obras solicitadas polo Concello de Pontevedra. Forman parte dos traballos para a reorganización dos accesos á estación, segundo o proxecto de urbanización da rede arterial do estado no municipio de Pontevedra.
O proxecto contempla a construción dunha glorieta na que conflúen o novo acceso desde a N-550 entrando polo sur da glorieta, a rúa da Estación polo noroeste e polo leste da mesma e o ramal de saída da estación de autobuses.
Para iso é necesario desprazar uns metros o ramal de saída da estación, retirando o valado existente. Tanto este valado como o que continúa ata o aparcamento da estación será reposto para garantir o control de accesos ás dársenas. Ademais, instalarase un sistema de regulación semafórica na glorieta con priorización para a saída de autobuses. Para iso colocarase un lazo magnético que detecte a chegada de autobuses á glorieta.
Relacionadas:
-
Estudan empregar o nome dunha muller para o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Estudan unha profunda reforma do Gorgullón, Otero Pedrayo e o ámbito das dúas estacións
Por Alejandro Espiño |
-
O desdobramento da Avenida de Vigo avanza a bo ritmo coa vista posta na primavera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |