Caballero asegura que é un "buen paso", pero Lores desconfía: "Audasa non da puntada sen fío"
Por Alejandro Espiño
"Non me fío de Audasa porque non da puntada sen fío". Esta frase do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, resume perfectamente o escepticismo co que o goberno municipal recibiu as noticias da rebaixa da peaxe entre Pontevedra e Vigo anunciado hoxe polo Ministerio de Fomento e a concesionaria da autopista AP-9
A falta de coñecer "a letra pequena" desta decisión, Fernández Lores afirmou que "o único que si sei é que o un de xaneiro, a peaxe volverá subir". Do demais, dixo, "non hai prazos nin proxectos oficiais". Referíase así tamén á pretendida remodelación do acceso Pontevedra-Norte, o coñecido como Nó de Bombeiros. "Desa obra non hai nin estudo feito", recordou o alcalde. "Nós queremos que desde a Ponte das Correntes se poida entrar e saír da AP-9".
En todo caso, o rexedor nacionalista insistiu nas dúbidas que lle suscita este acordo, xa que "cada vez que se fixo algo para aumentar os usuarios da autoestrada, é dicir, para que Audasa mellorara os seus ingresos, ao final tivo que pagalo todo a administración".
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que, do mesmo xeito que Miguel Fernández Lores valorou este acordo antes de coñecer todos os detalles, asegurou que esta rebaixa na peaxe entre ambas cidades é un "paso na boa dirección", aínda que considerou que esta medida deberá ampliarse con "pasos adicionais".
Un "gran avance" para a Xunta
Este acordo entre Fomento e Audasa é, para o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, un "gran avance". A "eliminación" do pago da peaxe para certos usuarios, permite, ao seu xuízo, "homoxeneizar o importe da peaxe ao longo da autoestrada", unha cuestión que estimou "de xustiza" tendo en conta a "diferenza substancial" no custo por quilómetro entre as zonas norte e sur da AP-9.
Preguntado sobre como se actuará co diñeiro que Audasa deixará de ingresar ao suprimirse a peaxe nestes traxectos, o conselleiro destacou que "mentres non se coñeza a fórmula de compensación" non se poderá evaluar. En todo caso, á espera de coñecer en profundidade o contido do acordo, destacou como "positivo" que se faga "un esforzo con relación á homoxeneización ao custo por quilómetro".