A Festa do Caldo de Mourente supera os primeiros trámites para ser declarada de interese turístico
Por Redacción
A Festa do Caldo de Mourente, que reúne cada segundo domingo de marzo a miles de comensais, quere ser declarada Festa Gastronómica de Interese Turístico e xa superou os primeiros trámites nesa dirección. O presidente da asociación de veciños O Castro, Santiago Laya, desvelou que o Concello xa deu o seu apoio para lograr o recoñecemento e esta mesma semana a solicitude será entregada na Xunta de Galicia.
"El trámite en el ayuntamiento está pasado", asegurou durante un comparecencia conxunta dos organizadores da Festa do Caldo coa concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román, e o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores. A cita, na sala de prensa do Concello, serviu para asinar o convenio anual de colaboración que permite a celebración do evento gastronómico.
O Concello de Pontevedra achega á asociación de veciños O Castro unha subvención de 9.000 euros que os organizadores aseguran que é o colchón económico que permite celebrar esta festa gastronómica "laboriosa e custosa" que o próximo ano 2016 celebrará as súas vodas de prata. "Sen esta axuda non teríamos chegado aos 24 anos", asegurou Santiago Laya.
Carlota Román confía en que a declaración deste evento como festa de interese turístico de Galicia sexa xa efectiva para a celebración dos 25 anos desta o segundo domingo de marzo de 2016 e desvelou que esta semana se producirá unha reunión de traballo entre a asociación O Castro e blogueiros e especialistas en mercadotecnia para poder relanzar a comercialización do caldo de Mourente envasado.
Ao respecto, Miguel Anxo Fernández Lores confía en que a empresa que comezara a traballar na comercialización de latas de caldo de Mourente retome o proxecto, temporalmente paralizado a raíz do falecemento do seu propietario, José Posada.
Relacionadas:
-
Ante o frío do inverno, caldo galego
Por Antía Fernández Buján |
-
Mourente despide á concelleira Carlota Román
Por Redacción |
-
O bo tempo anima a milleiros de pontevedreses a degustar o caldo de Mourente
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Festa do Caldo de Mourente quere ser recoñecida como Festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |