O PP propón converter 'As colonias' nun campamento vacacional na Lama
Por Redacción
O alcalde da Lama e candidato do PP á reelección nas próximas eleccións municipais do 24 de maio, Jorge Canda, anunciou este martes que entre as súas propostas de cara ao próximo mandato está a de converter 'as Colonias' de Covelo nun campamento vacacional para favorecer a práctica do sendeirismo e as actividades de montaña.
Segundo revelou Jorge Canda, a proposta ten o apoio do presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do PP, Rafael Louzán, que se comprometeu a impulsar o paso das instalacións a propiedade municipal para rematar coa situación actual de abandono no que se encontran.
Jorge Canda mostrouse crítico coa "parálise" no funcionamento do padroado do Conde de Cabanelas, que "impide un aproveitamento público destas instalacións". Fíxoo nun acto no centro cultural da Lama no que tamén anunciou que propoñerá a disolución do Padroado, do que forman parte o Concello, a Consellería de Educación e a Igrexa.
Canda promoverá o seu traspaso a titularidade municipal para "darlle unha saída inmediata" que acabe coa situación de abandono no que se encontra. Será, na súa opinión, un reto importante para o Concello.