Nivelado e nova capa de xabre para o aparcadoiro disuasorio do antigo mercado provisional
Por Redacción
Se a climatoloxía o permite o próximo luns 11 de maio iniciaranse os traballos de acondicionamento no aparcadoiro disuasorio do antigo mercado provisional, fronte ao Pavillón Municipal dos Deportes.
Trátase dunha actuación que se debe realizar unha vez superado o inverno co obxectivo de nivelar o firme da parcela, propiedade de Costas, e aplicar unha nova capa de xabre que elimine no posible os charcos que alí se forman.
Ademais o Concello de Pontevedra iniciou esta semana as obras para habilitar unha nova zona de aparcadoiro próxima ao IES Torrente Ballester, na Avenida de Vigo.
Estes traballos iniciáronse coa explanación do terreo e rematarán co seu asfaltado, nunha superficie de 3.500 metros cadrados na que se crearán un centenar de prazas de aparcadoiro.