'Pontus Lupulus' converte á cervexa artesá na protagonista da fin de semana
Por Cristina Saiz
A Alameda de Pontevedra acolle dende este venres a primeira edición de Pontus Lupulus, unha feira de cervexa artesá galega.
Un total de dez produtores estarán presentes ata o domingo día 10 nas casetas de madeira instaladas no lugar, que conta ademais cunha carpa con mesas para a degustación.
Son as firmas Meiga (Poio), Faxilda (Vilaboa), Saramagal (Barro), Galponbier (Vilanova de Arousa), Menduíña (Cangas), Suevia (Vilagarcía de Arousa), Nos (Mos), Keltius (Ourense), Áncora (Ourense) e Santo Cristo (Ourense).
A oferta complétase con varias propostas gastronómicas da Tenda da Gata, Galeguesas, Ecogloria, Segreto Galaico e Aperta de Illas Cíes.
Pontus Lupulus, feira organizada pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, ofrecerá ademais dous 'showcookings' de pratos cociñados con cervexa (12:30 horas de sábado e domingo), un taller de elaboración de cervexa (17:30 horas do sábado), outro de elaboración de pan (17:30 horas do domingo) e concertos e actividades musicais.