Os traballadores de subcontratas de Telefónica-Movistar maniféstanse por Pontevedra tras un mes en folga
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Os traballadores da empresa Liteyca, subcontrata de Telefónica-Movistar en Pontevedra, levaron a cabo un acto de protesta este martes 12 ante as oficinas da tenda de Movistar en Benito Corbal para despois realizar unha manifestación partindo das instalacións de Telefónica ata a Peregrina.
O persoal cumprirá este mércores 13 un mes en folga debido ás condicións "abusivas" que sofren con horarios laborais excesivos e a falta de cumprimento do convenio. Denuncian que as empresas fan trampas nas súas nóminas descontándolles diñeiro do salario como anticipos que non chegan a cobrar. Nestes momentos, as negociacións coa empresa encóntranse rotas. Santiago Pazos, voceiro destes traballadores, afirma que dende Telefónica se está a recorrer a empresas doutras zonas para cubrir o traballo que non se está a facer con motivo do paro das empresas subcontratar. Ademais, indicou, tamén que a propia empresa de Telefónica distribuíu traballadores das oficinas para que realicen labores de rúa, coa reparación de avarías ou a instalación de liñas.
En todo caso, estes traballadores en folga recordan que o atraso na atención aos clientes segue sendo notable e sinalan que cando o técnico de Telefónica acode en busca do cliente non lles ofrece a verdadeira razón da tardanza no servizo e se alega, por exemplo, que se produciron moitas altas nos últimos días.
Santiago Pazos indicou que os empregados de Liteyca puxeron en marcha unha caixa de resistencia financiada coa venda de camisetas e de bonos coa intención de poder manter esta folga indefinida. "Nós o que queremos é dialogar" sinala o voceiro, "a pelota está non tellado da empresa" apunta, mentres despregan unha pancarta denunciando que "Telefónica escraviza as súas contratas".