O Poder Xudicial felicita a Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra pola súa dedicación
Por Redacción
A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou este xoves, por proposta do Servizo de Inspección, felicitar pola súa dedicación os maxistrados, o secretario xudicial e os nove funcionarios que integran a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A felicitación ten a súa orixe na visita de inspección realizada á Sección o pasado 31 de marzo, que permitiu comprobar que, malia que o ingreso de asuntos que soporta é elevado, superando amplamente o indicador fixado polo CGPJ, tamén o é o nivel de resolución dos seus maxistrados, o que permitiu que a pendencia sexa moi reducida.
Así, a 31 de decembro de 2014 a pendencia da Sección situábase en 54 asuntos, unha cifra moi inferior á media nacional (335), á autonómica (406) e á das seccións penais da Audiencia de Pontevedra (391).
A Sección está composta polos maxistrados José Juan Barreiro Prado, María del Rosario Cimadevila Cea e Rosa del Carmen Collazo Lugo; o secretario xudicial Manuel Polo Hernández e nove funcionarios: dous do corpo de xestión, cinco do corpo de tramitación e dous do corpo de auxilio xudicial.
"A situación da Sección (...) ten de considerarse moi satisfactoria grazas ao loable esforzo realizado tanto polos maxistrados (...) como polos integrantes da oficina, baixo a excelente dirección do secretario xudicial, pois cun equipo orgánico de nove funcionarios se atende de xeito áxil a tramitación dos asuntos que ingresan na Sección, así como as executorias," sinalaba a proposta que o Servizo de Inspección elevou á Comisión Permanente.